Escoitar

Santi Domínguez defende que é preciso desenvolver iniciativas axeitadas ás actuais demandas xuvenís

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este xoves na inaguración das Xornadas de Xuventude e Tempo de Lecer "Moceando" que é preciso poñer en marcha "políticas máis axeitadas á realidade e ao que os mozos e mozas demandan". Ao longo de hoxe e mañá, arredor de 200 técnicos, profesionais relacionados coa mocidade e membros de asociación xuvenís participarán nas distintas ponencias e mesas redondas programadas.

xoves, 7 mai 2009
1241701166inauguracionmoceando.jpg
No acto de inauguración, no que tamén participaron as concelleiras de Xuventude e Benestar Social, Iolanda Veloso e María Méndez, respectivamente, o tenente de alcalde lembrou a súa etapa, hai dez anos, como concelleiro de Xuventude, cando se puxo en marcha o programa Noites Vivas. "Pero os tempos van cambiado e os mozos e as mozas non son os mesmos de hai dez anos", indicou. É por iso que defendeu a necesidade de "non facer políticas dende os despachos, senón que é fundamental estar en contacto coas persoas relacionadas coa xuventude e que saben de primeira man o que pensan".

"Quero felicitar as concelleiras de Xuventude e Benestar Social porque "Moceando" é unha gran iniciativa que resposta a un talante distinto de facer política", destacou Santi Domínguez. E neste sentido subliñou que dende a Concellería de Xuventude "é un deber fundamental dar resposta aos mozos e mozas", para o cal afirmou contar cun "gran equipo na Casa da Xuventude". Finalmente, o tenente de alcalde agradeceu o interese mostrado polos participantes nas xornadas.

A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, afirmou que neste tempo de crise, "é tamén un momento de oportunidades e cambio", polo que ao seu xuízo é preciso "pararse, reflexionar e falar das demandas e necesidades da xente nova". A edil do BNG explicou que "as necesidades de emprego e vivenda son prioritarias, pero o tempo de lecer tamén é unha necesidade, posto que é unha maneira de medrar e construirse como persoa". Neste sentido, destacou que é preciso "pensar como chegar á xente nova" nese tempo de lecer e non caer na culpabilización da mocidade nun tema como o do botellón.

"Nós pensamos que a xuventude non é culpable, senón que forma parte dun sistema político e social de xeito que reflicte as súas prácticas", sinalou. Iolanda Veloso sinalou na súa intervención que hai que "desculpabilizar á mocidade" ao tempo que a administración, os nais e pais "teñen que asumir as súas responsabilidades".

A concelleira de Xuventude agradeceu a presenza nas xornadas da concelleira de Benestar Social, María Méndez, así como o traballo desenvolvido polo persoal deste departamento, da Concellería de Xuventude e do Plan Local de Drogas e outras Dependencias. "Nestas xornadas colaboran distintas concellerías porque é un traballo multidisciplinar", afirmou. Ademais, sinalou que "Moceando" conta coa presenza non só de participantes galegos, senón tamén procedentes de todo o Estado.

A programación de hoxe inclúe relatorios sobre "O tempo de lecer xuvenil: realidade e perspectivas", mentres que o programa de mañá se centrará no tema "O tempo de lecer xuvenil: riscos e oportunidades" e rematará cun concerto de rap no propio museo Verbum a cargo do grupo "Pánico en las calles" ás 21 horas.
Descargar todas as imaxes