Escoitar

O Bicentenario achégase aos barrios co inicio o sábado en Bouzas de "A Reconquista na rúa"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe "A Reconquista na rúa" unha nova actividade do programa de actos do Bicentenario que iniciará súa andaina o próximo sábado en Bouzas. O nacionalista explicou que o obxectivo é facer que os barrios da cidade sexan tamén protagonistas desta conmemoración histórica.

xoves, 26 feb 2009
1235654907Areconquista.JPG
Santi Domínguez anunciou que unha ducia de actores farán diversas representacións dos feitos acaecidos hai douscentos anos, por diversos barrios da cidade, concretamente Bouzas, Teis, O Calvario e a Praza da Independencia. Alí representarán varias escenas que estarán a cargo da empresa de animación cultural "Animatium". Segundo dixo o tenente de alcalde, os integrantes do grupo convidarán aos veciños a sumarse como "extras" ás acccións representadas, que serán a base dunha curtometraxe na que se recollerán diferentes momentos das actuaciones.

O programa de actuacións iníciase este sábado 28 na Alameda de Bouzas. O sábado 14 de marzo terá lugar no Calvario, fronte ao mercado; o sábado 21 en Teis, tamén fronte ao mercado, e o venres 27 na Praza da Independcias. As representacións iniciaranse en todos os casos ás 17:00 horas. Santi Domínguez fixo un chamamento á cidadanía para que se sume activamente coa súa participación nestas teatralizacións.

O tenente de alcalde explicou que as escenas serán diferentes en cada zona e contarán feitos moi significativos. O vindeiro sábado en Bouzas representarase a conquista de Vigo e terá como protagonistas a Manuel Jacinto Gómez, un vigués entusiasta, que nos días previos á ocupación se encarga da defensa da praza; Francisco de la Rocque, gobernador da praza de Vigo, é deposto polos veciños, nunha rebelión popular nos días previos á chegada dos franceses; o alcalde nomeado polos veciños Francisco Javier Vázquez Varela; Juan de Villavicencio, gobernador en substitución de De la Rocque, e o maior Nicolás que foi o comandante que tomou a praza de Vigo. A representación recollerá os momentos previos á invasión francesa, caracterizados por unha tensión enorme entre a poboación e os rexedores da vila.

No Calvario representarase o asedio e a escenificación centrarase no crime da taberna de Juana Rial, que é o feito máis significativo dos momentos previos á sublevación viguesa contra os franceses. Neste caso os protagonistas serán o alcalde Vázque Varela, o gobernador Chalot, a taberneira Juana Rial, o clérigo José Núñez e o investigador do caso Gómez Carvajal.

A batalla de Reconquista terá lugar en Teis. A acción representará os feitos acontecidos na porta da Gamboa, o espazo máis emblemático da Reconquista. Alí, o mariñeiro Carolo tenta derrubar a porta, pero cae morto. Sucédelle Cachamuíña, que toma a machada e, malia recibir tres disparos dos franceses, consigue esnaquizar a porta e fraquear o paso dos vigueses. Morillo chega finalmente, cando comeza a batalla corpo a corpo, para pedir a todos que cese o fogo, xa que Chalot ten firmado a rendición.

Por último na Praza da Indepencia terá lugar a escenificación da victoria, rememorando os feitos que tiveron como escenario a porta da Laxe, pola que van saíndo os franceses. Chalot entrega a Morillo as chaves da cidade e a capitulación firmada. Tras el, parten os soldados de Napoleón, derrotados, temendo a ira dos vigueses tras dous meses de crimes e abusos na vila.
Descargar todas as imaxes