Escoitar

"History Today" faise eco da Reconquista de Vigo e envía á súa subdirectora a cubrir os actos

Trátase da principal publicación de Historia en lingua inglesa do mundo. En España, "Historia y Vida", publica outra reportaxe no seu último número, que saíu a venda esta semana.

mércores, 25 feb 2009
Unha das mais prestixiosas publicacións en lingua inglesa do mundo, especializada na Historia, "History Today", informará sobre a Reconquista de Vigo no seu vindeiro número e enviará á cidade á súa subdirectora, Charlotte Crow, a cubrir os actos do Bicentenario da Reconquista. A prestixiosa xornalista asistirá a inauguración da exposición que terá lugar o vindeiro 6 de marzo, no Museo Quiñones de León.

O impacto que están a ter os actos do Bicentenario da Reconquista e a lembraza destes históricos feitos queda patente no interese das publicacións especializadas coma "History Today" e tamén a española "Historia y Vida" que no seu último número, xa a venda, publica unha interesante reportaxe sobre o acontecido hai douscentos anos na nosa cidade.

Cunha difusión de 60.207 exemplares mensuais, "Historia y Vida" é unha das referentes nas publicacións sobre historia. Ademáis, outras revistas estatais se teñen interesado pola cobertura dos actos da Reconquista, en especial da exposición que estará aberta no Museo de Castrelos, do 6 ao 31 de xaneiro, e do Congreso Internacional sobre a Reconquista, que se celebrará os días 12 e 13 de marzo, coa presenza de historiadores de universidades como as de Oxford, Liverpool e Stirling, no Reino Unido, ou A Sorbona, de Francia.

A presenza internacional derivada destes actos observarase desde o 6 de marzo. Os xornalistas de "History Today" xunto a outros representantes de medios de comunicacións internacionais e touroperadores británicos estarán en Vigo para participar nos actos inaugurais da celebración.

A Tenencia de Alcaldía de Vigo está a preparar para os xornalistas internacionais e os touroperadores unha serie de actividades paralelas, visitas e encontros, destinadas a dar a coñecer a cidade e a súa historia máis aló das nosas fronteiras. Esta presenza de xornalistas internacionais suporá que Vigo e a Reconquista, estarán presente en diversas publicacións internacionais, nos próximos meses.