Escoitar

Iolanda Veloso presenta o concerto Duplo R como nexo de cultura tradicional e xuventude a través da regueifa e o rap

A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, explicou hoxe que o concerto Duplo R, que terá lugar o vindeiro venres na Sala A! supón unha forma de achegar a cultura tradicional á xuventude mediante a regueifa e o rap. A sesión, que se desenvolverá de 18 a 21 horas, será de balde e contará coa presenza de grafiteiros e as actuacións de El Puto Coke, Aid, Woyza e Seila, García MC E Gran Purismo entre outros, que amosarán que tamén é posible facer hip hop en galego.

martes, 16 dec 2008
1229436708duplor.jpg
"Quixemos achegarnos á xente máis nova da nosa cidade, e por iso escollimos o horario de 18 a 21 horas do vindeiro venres", sinalou a concelleira de Xuventude na presentación do concerto, na que tamén participou o responsable da rede museística da Concellería de Cultura, Lois Cea. Segundo explicou Iolanda Veloso, a entrada será de balde, pero será preciso recoller o pase correspondente na Casa da Xuventude, o Punto Xove de López de Neira, no espazo Súbete ao Castro, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, no Centro Cívico de Saiáns, no Centro Cívico de Teis, no Centro Cívico do Casco Vello e no Centro Cívico de Coruxo.

A festa, que se celebrará na Sala Aa!, comezará ás 18 horas, e nela non estará permitido o consumo de alcol. A sesión estará presentada é animada por Luis O Caruncho e Bieito, quenes empregarán a regueifa como fío condutor e darán paso aos grafiteiros Sax, Comic, Sourys e Seds. Actuarán El Puto Coke, Aid, Woyza e Seila, Licorkafé, García MC, De Dios Ke Te Crew, e Gran Purismo pechará a festa, interpretando rap en alemán e galego. O breakdance, a cargo de BMX, e Daniel Fuentes, bailando nunha bici, romperán o ritmo das actuacións.

"O concerto consistirá en tres horas de espectáculo de hip hop, rap, grafittis e regueifas no que promocionaremos as novas figuras que fan un traballo moi interesante na nosa cidade", explicou a edil do BNG, quen lembrou o gran éxito que acadaron os representantes vigueses no acto promocional da cidade celebrado a semana pasada en París. Iolanda Veloso adiantou que este concerto é o primeiro paso das ofertas que ofrecerán a Concellería de Xuventude e a rede museística da Concellería de Cultura ao longo do 2009. "Organizamos esta festa con moita ilusión no noso traballo de achegármonos á xente máis nova de Vigo", destacou a concelleira de Xuventude.
Descargar todas as imaxes