Escoitar

O Concello expresa o seu apoio ao pobo saharaui na recepción aos participantes do programa "Vacacións en paz"<br />

O Concello de Vigo, nas intervencións do alcalde, Abel Caballero, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, expresou o seu apoio ao pobo saharaui durante a recepción ofrecida aos rapaces, rapazas e familias de acollida que participan no programa "Vacacións en paz". En total, son 76 menores os que pasarán os meses de xullo e agosto con familias de acollida viguesas, e este ano Benestar Social financia o desprazamento de 35 deles, o que supón un incremento de prazas con respecto a anos anteriores.<br />

venres, 18 xul 2008
O alcalde da cidade, na súa intervención, subliñou que hoxe en Vigo tiña lugar un feito que poucas veces se produce, como é a "felicidade absoluta", consecuencia da "xenerosidade compartida" polos nenos e nenas saharauis procedentes dos campamentos de refuxiados e as familias viguesas coas que pasarán estes dous meses de verán. "Resulta extraordinario mirar os ollos destes nenos e nenas, cheos de ilusión", salientou Abel Caballero, quen transmitíu ás familias o agradecemento "por todo o que estades a facer". Fixo fincapé na importancia de que se resolva "definitivamente" o problema so Sahara, de xeito que no futuro, os rapaces e rapazas que participan no programa poidan voltar xunto aos seus pais e nais "no seu propio país e no seu territorio".

Santi Domínguez, pola súa banda, lembrou a súa propia experiencia como pai de acollida dun neno saharaui e expresou o seu sentir dunha "sana envexa" das familias presentes no acto "por poder gozar destes nenos e os seus sorrisos". "Esta experiencia non só foi importante para min, senón tamén para os meus fillos, que aprenderon o significado do agradecemento case por nada", explicou o tenente de alcalde. Na súa intervención salientou que os rapaces e rapazas que participan no programa "Vacacións en paz" representan "a ilusión e a esperanza de todo o pobo saharaui" e animou ás familias a seguir traballando neste camiño, de xeito que continúe a presión para que os saharauis poidan chegar a decidir "vivir como queiran".

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, agradeceu ás familias viguesas a súa participación no programa e subliñou que Vigo é unha "cidade de acollida na que queremos facervos felices". Ao seu xuízo, a chegada dos rapaces e rapazas procedentes dos campamentos de refuxiados permiten "non esquecer as cousas verdadeiramente importantes da vida" e afirmou que estes nenos e nenas encarnan "a utopía dunha nazón empeñada en prevalecer nas circunstancias máis adversas". Segundo María Méndez, a súa presenza é "o mellor exemplo de que se pode resistir".

Este verán, un total de 76 rapaces de idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos pasarán dous meses coas repectivas familias de acollida viguesas. Dese total, a Concellería de Benestar Social financia o desprazamento de 35 nenos e nenas, coa aportación de 22.750 euros. O programa "Vacacións en paz" trata de ofrecer o máximo de diversión aos rapaces e rapazas participantes, así como a posibilidade de realizar revisións médicas, tratamento e recuperación nos casos que o requiran. Ademais, trata de achegar á cidadanía a realidade saharaui, a súa cultura, o motivo do seu exilio e as condicións nas que viven.