Escoitar

Vigo acollerá do 31 de xullo ao 3 de agosto a escola de clown máis importante de Europa co Mundoclown 2008<br />

O evento servirá de edición ponte cara ao Festival Internacional de Clown de Galicia que se instalará definitivamente en Vigo a partires do vindeiro ano<br /> <br /> A cidade de Vigo volverá a ser un referente no ámbito cultural e na formación artística grazas á celebración do Mundoclown 2008. Así o anunciou esta maña o concelleiro de Cultura, Xesús López, durante a presentación deste importante evento, na que estivo acompañado por Francisco Rey, da Cooperativa Cultural, e Yolanda Díaz, representante da Obra Social Caixa Galicia. <br />

xoves, 17 xul 2008
1216298337Mundoclown.JPG
O responsable da Concellería de Cultura explicou que, con esta programación antesala da semana Grande das Festas da cidade, "Vigo volverá a situarse no lugar que lle corresponde". Este evento será unha edición máis curta no tempo e suporá a ponte cara ó Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown09, que terá a súa sede definitiva en Vigo a partires do vindeiro ano. Ata o momento, o equipo creador e organizador do Festiclown puxo en marcha o festival Mundoclown en dúas ocasións, Mundoclown 2003 (Pontevedra) e Mundiclown 2005 (Segovia), programacións coas que obtivo un enorme éxito, tanto pola calidade da proposta artística e formativa, como polo apoio mediático e a afluencia masiva de público.

O Mundoclown 2008 encherá ás rúas viguesas de teatro, risa e humor, coa celebración de 80 espectáculos en catro días concentrados na Praza da Constitución, a rúa do Príncipe e a zona peonil do Calvario. Ás doce e unha do mediodía, ás seis, sete, oito e nove da tarde, unha delegación de paiasos do mundo invadirá cadanseu espazo para combater o aburrimento co mellor clown e o mellor teatro dentro da clownvocatoria.

Esta edición de Mundoclown está adicada á figura do recentemente falecido Carlo Colombaioni, quen foi padriño e aval internacional do Festiclown por todo o mundo, e que axudou a formar e a dirixir ás primeiras compañías estables de clown de Galicia como é o caso de "Os Sete Magníficos máis Un", entre outras. Por iso, o sábado 2 de agosto ás 22 horas na Praza da Constitución daranse cita artistas, alumnas, alumnos, amigas, amigos e entusiastas de Carlo Colombaioni, para lembrar a figura deste grande do clown.

Xesús López adiantou tamén que este evento ten outro piar fundamental na súa concepción: a formación. Formaclown celebrarase no Conservatorio de Música do Castro e traerá a Vigo cinco cursos impartidos polos nomes máis importantes do mundo do clown a nivel internacional. Así, e segundo explicou Francisco Rey, os asistentes ás xornadas formativas recibirán os consellos do "mellor mestre de clown en vida", Philippe Gaulier que, acompañado por Jango Edwdars, "o clown mais tolo do universo", Blanca del Barrio, "a asistente de Marcel Marceaou", Claudia Contin, "considerada a mellor arlequino da escena contemporánea internacional" e Antón Valén, "o clown que namorou ao circo do Solei e a Slava", formarán parte do profesorado. A importancia deste cursos xa atraeu máis de 70 solicitudes chegadas de diferentes lugares de Galicia e o resto do Estado, Portugal, Francia, Italia e mesmo Sudamérica.

O evento tamén acollerá o Certame Intergaláctico na modalidade de exterior para aquelas compañías de teatro que queiran presentar o seu traballo e ser valoradas polo público asistente ao Mundoclown Vigo 2008. As compañías participantes recibirán unha cantidade económica en concepto de bolsa de axuda. Finalmente, o aspecto solidario do festival vira da man do Maraclown solidario, que terá lugar o domingo día 3 de agosto ás 20 horas na praza da Constitución, coa recaudación de cartos para varias iniciativas de carácter social.
Descargar todas as imaxes