Escoitar

<br /> Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura poñen en marcha "O espello da memoria" para revitalizar o Arquivo Pacheco

Amosar á cidadanía unha parte notable do seu patrimonio fotográfico, proxectando cara ao exterior o Arquivo Pacheco é un dos obxectivos fundamentais do proxecto "O espello da memoria" inaugurado este martes polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López. A iniciativa, da que hoxe foi inaugurado o primeiro panel na Praza da Princesa, consta de trinta monolitos integrados por unha fotografía realizada por Prósperi ou Pacheco e un texto explicativo en galego, castelán e inglés. <br />

mércores, 4 xuñ 2008
1212583718espellomemoria.jpg
Santi Domínguez expresou a súa satisfacción pola posta en marcha do "roteiro de paneis que percorrerán a cidade de Vigo" e amosou o firme compromiso da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura de poñer en valor o Arquivo Pacheco, impulsando o seu funcionamento para a investigación. Neste sentido salientou a importancia de rematar o proceso de dixitalización do arquivo, que conta con 60.000 imaxes dixitalizadas, co fin de "convertilo nun activo de referenza" para a cidade. "O ano 2009 será o ano definitivo do Arquivo Pacheco, con motivo da celebración do Bicentenario", subliñou o tenente de alcalde. Así mesmo, salientou a importancia de "O espello da memoria" en tanto que axudan a ver "nunha soa ollada" a evolución da cidade, "o que foi no pasado e o que é na actualidade".

"Tentamos proxectar o arquivo cara ao exterior e que a cidadanía poida coñecer cales son os seus activos", sinalou pola súa banda Xesus López, quen tamén indicou que estes paneis serven de "soporte turístico" para as persoas que visitan a cidade, de xeito que poida coñecer capítulos fundamentais da historia de Vigo. Pero, segundo afirmou o concelleiro de Cultura, co proxecto inaugurado hoxe tamén se pretende "espertar a curiosidade da cidadanía sobre o arquivo", de xeito que comece a funcionar de forma "ininterrumpida".

"O espello da memoria" está integrado por un total de trinta paneis, elaborados en metacrilato dun tamaño de dous metros de alto por un de acho, que articularán un roteiro sobre aspectos culturais, históricos ou topográficos da cidade. O primeiro deles atópase ubicado na Praza da Princesa, pero nos vindeiros meses instalaranse en lugares tan diversos como na rúa do Príncipe, en Policarpo Sanz, diante da Casa das Artes, en Velázquez Moreno, en Eduardo Iglesias, en Urzáiz, no cruce de Colón, na Escola de Artes e Oficios, en García Barbón, en Areal, na praza de Compostela, en Elduayen, no Paseo de Alfonso XII, na praza do Berbés, na avenida de Beiramar, no parque Camilo José Cela, na praza Xoán XXIII, na praza América en Tomás A. Alonso e en Bouzas. Cada un dos paneis contará dunha fotografía da autoría de Prósperi ou Pacheco e un texto escrito en galego, castelán e inglés que proporcionan información sobre o espazo urbano no que se asenta ou sobre feitos históricos ou culturais dos que o lugar en cuestión foi testemuña.
Descargar todas as imaxes