Escoitar

Deportes súmase á iniciativa da Dirección Xeral da Xunta "O deporte galego une" do domingo día 8 na praia de Samil

A Concellería de Deportes do Concello de Vigo súmase á iniciativa impulsada pola Dirección Xeral da Xunta de Galiza "O deporte galego une", que se celebrará o vindeiro domingo, día 8, na praia de Samil, segundo sinalou este martes o concelleiro de Deportes, o Xabier Alonso. A través desta iniciativa, os afeccionados e as afeccionadas poderán practicar diversas disciplinas deportivas, como tenis, xadrez, patinaxe ou balonmán.

mércores, 4 xuñ 2008
"Na nosa aposta por achegar as múltiples actividades deportivas a toda a cidadanía sumámonos á iniciativa da Dirección Xeral para o Deporte", explicou Xabier Alonso, na presentación do evento, quen subliñou que este achegamento se realiza nun marco que conta con tanta afluenza de público durante a época estival como é a praia de Samil. Así, as modalidades deportivas celebranse nas diversas instalacións coas que conta este areal vigués, dende a pista de patinaxe, as mesas dos xardíns, os xardíns, as pistas de baloncesto ou as mesma zona de praia.

O concelleiro de Deportes explicou que as persoas máis madrugadoras poderán practicar de 10 a 12 horas minifútbol (na pista pechada con porterías), cachibol (coa instalación dunha rede entre as árbores) e patinaxe (na propia pista de patinaxe). De 10 a 13 horas haberá xadrez (nas mesas dos xardíns) e tenis de mesa (na zona entre as pistas de baloncesto). Ás 11.30 horas e ata ás 13.30 horas poderase participar nos xogos tradicionais, (na zona de xardíns baixo as árbores) e xa ás 12 horas iniciaranse taekwondo (na zona da explanada e ata ás 13.30 horas), tenis (na pista de patinaxe), balonmán (na pista pechada de de porterías), hockei patíns (na pista de patinaxe), e as actividades náuticas (na zona do areal), e todas ellas alongaranse ata as 14 horas.