Escoitar

A Xunta Local de Seguridade acorda manter o reforzo policial en Candeán e Cabral

A Xunta de Seguridade se reuníu este mércores para tratar da seguridade en xeral da cidade e en particular das parroquias de Cabral e Candeán, tras os robos acontecidos durante o mes de maio. A Policía Local e Nacional manterá a vixiancia especial na zona, e tanto o alcalde coma o subdelegado do Goberno sinalan que non existen razóns para a alarma social.

mércores, 4 xuñ 2008
Este mércores a Xunta Local de Seguridade mantivo un encontro de carácter excepcional para tratar a seguridade en xeral de Vigo e en particular das zonas de Candeán e Cabral, tras os roubos acontecidos durante o mes de maio. Os integrantes acordaron manter o reforzo das policías local e nacional no lugar, e Abel Caballero adiantou a posibilidade de que o operativo que está a operar se constitúa "de forma estable" na zona.

A este respecto, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, informaron de que se constataron un total de cinco roubos nas parroquias e unha tentativa. Dos cinco, tres deles foron perpetrados por un "grupo organizado itinerante", que actuou en Candeán e Cabral polas súas boas comunicacións que facilitan a fuga. Os outros dous achácanse á delincuencia común.

Abel Caballero subliñou que o grupo itinerante "podería estar en calquera parte de España", asegurou que "xa non está a actuar" en Vigo e vaticinou que "vai ser capturado". O alcalde recoñeceu a "coordinación" e "rapidez na reacción" das forzas de seguridade locais e nacionais que actuaron "de forma inmediata" e así o seguirán a facer tal e como acordou a Xunta de Seguridade. O reforzo consiste na vixilancia nas rúas de policías uniformados e de paisano.

Ambos cargos reiteraron que Vigo é unha cidade segura, "a cuarta máis segura de España" atendendo á taxa de criminalidade, e que "non hai razóns obxectivas para crear unha situación de alarma social", salientou Fernández, polo que non se considera preciso o aumento dos efectivos de seguridade na zona.

O alcalde quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía, pois "a situación é absolutamente normal na cuarta cidade máis segura de España", e puntualizou que as patrullas veciñais "son ilegais e innecesarias", empeoran a actuación da Policía e supón un "risco" para eles mesmos e para terceiros. "Os cidadáns o que teñen que facer é alertar á Policía", concluíu Abel Caballero.

O compromiso do goberno local, reiterado este mércores polo rexedor municipal á finalización da Xunta, é incrementar en 100 efectivos os axentes da Policía Local de Vigo, "25 cada ano", ata acadar un total aproximado de 425 membros. Os 25 primeiros xa están en período de prácticas.