Escoitar

Vigo contará co primeiro Centro de Emerxencia Social profesionalizado de Galicia antes do remate de 2008

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este luns que Vigo contará cun Centro de Emerxencia Social (albergue municipal) "totalmente profesionalizado" ao longo deste ano 2008. A concelleira asegurou que conta co compromiso do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, para pór en marcha na cidade "o primeiro Centro de Emerxencia Social profesionalizado de Galicia".

luns, 14 xan 2008
1200319411benestar140108.jpg
"O albergue proporcionará aloxamento de carácter temporal ás persoas en situación de emerxencia social e que nese momento non teñan fogar", explicou María Méndez, quen adiantou que o centro estará habilitado para acoller entre 40 e 50 persoas por un tempo máximo de tres meses. Neste sentido, a concelleira indicou que esta iniciativa "dá resposta ás demandas actuais dos colectivos, aínda que é difícil elaborar unha estimación moi axustada debido a que moitas das persoas afectadas son transeúntes que non permanecen moito tempo na mesma cidade".

O centro estará dotado de diversas unidades, todas elas atendidas por profesionais, como a que se dedicará á hixiene, na que haberá servizos de ducha, roupeiro e lavandería, unidade de calor-café e unidade de rúa, destinada á atención das emerxencias que se produzan nas rúas da cidade.

A situación das instalacións deberá cumprir cos requisitos de ser "unha zona residencial e ben comunicada". Neste sentido, María Méndez sinalou que neste momento Vicepresidencia baralla tres posibilidades. Segundo a concelleira de Benestar Social, a necesidade dun albergue deste tipo "está clara e vén demandada por todos os colectivos sociais".

Por outra banda, María Méndez anunciou tamén que a cidade disporá próximamente de dous novos pisos para acoller persoas en risco de exclusión social, cuxa ubicación se estudiará na reunión que manterá a vindeira semana co delegado provincial de Vivenda.
Descargar todas as imaxes