Continúa a ampliación do PTL de Valadares
O Concello autoriza a Zona Franca a demolición de cinco construcións no Parque Tecnolóxico e Loxístico para gañar 1.661 novos metros cadrados.
O alcalde informou de que o Concello vén de autorizar á Zona Franca a demolición de cinco construcións situadas no Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL) de Valadares, co obxectivo de facilitar novas actuacións vinculadas ao desenvolvemento económico, tanto no sector terciario como no industrial.
O rexedor destacou que esta decisión permitirá impulsar e axilizar proxectos estratéxicos para a cidade, en especial no propio PTL, “que foi unha gran decisión para Vigo, e cuxa ampliación é a segunda gran decisión”.
A actuación suporá a demolición de 1.661 metros cadrados, cun orzamento de 144.000 euros, e permitirá crear máis espazo para a economía, a xeración de riqueza, novos empregos e rendas para a cidadanía viguesa.
Caballero subliñou tamén a excelente cooperación e entendemento total entre o Concello e a Zona Franca, asegurando que “traballamos de forma conxunta para transformar aquela zona nun polo de actividade industrial e de servizos que impulse o futuro económico da cidade”.