Caballero censura á Xunta polos 350 días de media de espera en dependencia
O alcalde fíxose eco dun informe profesional que sitúa a Galicia como a segunda peor comunidade de España na prestación deste servizo. A cidadanía viguesa agarda 350 días de media para poder ser atendida.
Galicia está no penúltimo posto nacional en atención á dependencia, segundo o informe do Observatorio da Dependencia que elabora a Asociación Nacional de directores e xerentes de Servizos Sociais de España. Caballero criticou esta situación alegando que os vigueses e as viguesas esperan de media 350 días para acceder ás prestacións do sistema.
A nosa é a segunda comunidade autónoma con menor investimento por habitante potencialmente dependente e os tempos de tramitación son “eternos”, engadiu Caballero. A Xunta asfixia aos concellos, obrigándoos a financiar competencias impropias como o Saf ou a Teleasistencia. Caballero explicou que o goberno autonómico recibe financiamento do Goberno de España que non chega aos concellos, concluíu.
Orzamento Xunta
Caballero referiuse esta mañá aos orzamentos da Xunta dos que tivo coñecemento a través dos medios de comunicación. En primeiro lugar, aludiu á vivenda anunciada pola Xunta no Ofimático “onde o primeiro piso vai estar rematado en 2040, vai tardar máis de 15 anos. En Navia, o goberno autonómico tampouco vai entregar nin unha soa vivenda o ano que vén".
Con respecto á apertura do Centro de Saúde de Olimpia Valencia, Caballero lamentou que esta nova dotación “vai traer máis problemas que vantaxes porque toda a Sanidade está en contra”. A entrada en funcionamento deste centro de saúde producirase a costa dos peches dos centros de López Mora e Nicolás Peña e da concentración da pediatría que deixa de prestarse en catro dotacións sanitarias.
Sobre o túnel de Elduayen, a Xunta prevé a inversión de 1,5 millóns cando a realidade é que teñen que investir 18 millóns. “Estes orzamentos son un escándalo político”, concluíu.