Escoitar

O Marisquiño celebra 25 anos cunha exposición na cidade

O alcalde acudiu á presentación xunto á organización do Marisquiño, que baixo o lema “25 anos celebrándoo xuntos”, comeza unha exposición urbana única por toda a cidade, do 8 de xullo ao 18 de agosto.

martes, 8 xul 2025

Trátase dunha mostra de 30 mupis distribuídos por todo Vigo e que transforma a cidade nun museo ao aire libre polo 25 aniversario do festival. Cada un destes soportes amosa un fragmento da historia compartida desde aquel primeiro Marisquiño en 2001 no Castro ata a última edición en 2024, en Samil.

O percorrido inclúe 23 mupis con imaxes icónicas de cada unha das edicións, reflectindo a evolución do festival e de quen o faga posible: os riders, skaters, músicos, artistas e todo o público que cada verán encheu de vida cada escenario, xa sexa en O Castro, Samil ou o Náutico; e a todas as súas disciplinas -Skate, BMX, MTB, FMX, Basket 3x3 ou mesmo wakeboard. Ademais, haberá 7 mupis de carácter xenérico que completan a exposición.

Máis que unha retrospectiva, esta exposición é unha invitación para percorrer Vigo redescubrindo o pulso do Marisquiño e os seus 25 anos en cada esquina, lembrando momentos compartidos e celebrando xuntos o camiño percorrido. Durante un mes e medio, as rúas encheranse de imaxes que falan de superación, de comunidade e de paixón polos deportes de acción e a cultura urbana.

Descargar todas as imaxes