Escoitar

“Impresións de Castelao en Vigo”, amosa a relación da obra do intelectual galeguista coa cidade

A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego acolle desde este venres e ata o 31 de agosto unha mostra con máis de 150 pezas que afonda na relación entre Castelao e a industria editorial viguesa con fondos artísticos, editoriais e documentais de coleccións públicas e privadas da cidade.

venres, 6 xuñ 2025

Abel Caballero, a tenente de Alcaldía, Carmela Silva, e o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, participaron na inauguración da exposición coa que o Concello conmemora o 75 aniversario do pasamento do intelectual. Conformada por 150 pezas procedentes de 16 prestadores, destaca a colección de debuxos de "Cousas", propiedade do Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" adquiridos en 1977 e 1984 e as pezas procedentes da Colección municipal Museo Fernández del Riego.

“Impresións de Castelao en Vigo”, comisariada por José Luís Mateo e Miguel Anxo Seixas afonda na relación que a obra artística, cultural, intelectual e política do galeguista tivo coa cidade como capital histórica da edición en Galicia con fondos fondos artísticos, editoriais e documentais de coleccións públicas e privadas da cidade.

O alcalde felicitou aos comisarios pola calidade da “grande exposición” que consegue que “Castelao continúe aquí” e agradeceu o traballo e a colaboración das entidades e familias que puxeron a disposición da mostra as pezas que a conforman.

O comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas puxo en valor a Castelao como “símbolo de Galicia” e destacou a presenza e o peso de Vigo na traxectoria do intelectual, mentres José Luis Mateo explicou que o fío condutor da exposición é configurar os fitos da cidade e Castelao.

Castelao colaborou na prensa de Vigo desde 1909, cando imprime os seus debuxos cómicos en Vida Gallega e, desde xullo de 1922, os humorísticos no diario Galicia e despois en Faro de Vigo, que acrecentaron a súa sona como artista gráfico. As impresións e pegadas de Castelao en Vigo teñen esta cidade como lugar de saída e retorno da emigración, a sede dos principais xornais nos que se editou a súa obra gráfica, lugar de visitas familiares e de intensa actividade política.

Descargar todas as imaxes