Escoitar

O Pleno aproba a concesión da medalla da cidade a Faro de Vigo

A medalla da cidade foi creada para premiar o esforzo individual e colectivo a prol de Vigo.

luns, 24 mar 2003
1048496855pleno2.jpg
Pleno da Corporación
Nese traballo, acompañando o desenvolvemento da cidade, está empeñado dende hai máis de 150 anos o Faro de Vigo, xornal decano da prensa do Estado e unha das empresas vedrañas da nosa cidade.

A concesión da medalla da cidade a Faro de Vigo é un aceno de agradecemento dos vigueses e viguesas, representados por esta corporación, por século e medio de traballo na defensa dos intereses de Vigo. Ese labor tivo especial importancia nos últimos 50 anos, nos que o Faro acompañou a explosión demográfica de Vigo e o seu despegue económico, axudando, coa chegada do sistema democrático, a que se asentara o rexime de liberdades. Faro de Vigo foi unha peza importante no proceso de asunción da democracia. Dende as súas páxinas realizouse unha valiosísima contribución á formación na sociedade viguesa dunha opinión pública plural, aberta e informada.

Nas últimas décadas Faro de Vigo fixo unha notable aportación no proceso de construcción dunha cidade moderna e cosmopolita, tarefa na que segue colaborando co conxunto das forzas sociais da cidade. A súa liña editorial está a ser un apoio fundamental para que Vigo adquira, pouco a pouco, o papel de protagonismo en Galicia que xa lle corresponde pola súa entidade demográfica e económica.

Século e medio de compromiso con Vigo, reforzado nas últimas décadas por unha inequívoca defensa dos valores democráticos, do pluralismo que caracteriza a sociedade viguesa, do papel de liderado da nosa cidade, fan merecedor ao Faro de Vigo de ser distinguido coa Medalla da Cidade.
Descargar todas as imaxes

Máis información