Escoitar

Instalaranse máis semáforos para mellorar a seguridade viaria

A Comisión de Goberno aprobou a semaforización de varios cruces de rúas de Vigo co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, especificamente a dos peóns.

luns, 24 mar 2003
Un dos cruces que se regularán mediante semáforos é o da Gran Vía coa rúa Brasil e con María Berdiales. Na confluencia desas rúas pintaranse pasos de peóns e instalaranse semáforos que, por unha parte reforzarán a seguridade dos peóns, e por outra facilitarán o paso dos vehículos que se dirixen dende Brasil a María Berdiales axudando a eliminar as colisións que nese punto non son nada infrecuentes. Os semáforos deste cruce estarán coordenados cos restantes da Gran Vía de forma que se manteña a "onda verde", que a determinada velocidade permite circular por esa avenida sen atopar semáforos en vermello.

Outro cruce que se vai semaforizar é o da avenida da Florida con Eugenio Kraff e Xosé Gil. Nese punto existe xa un paso de peóns, pero estimouse necesario reforzar a seguridade dos transeuntes cun semáforo debido á anchura da avenida e ao intenso tráfico que soporta. Asemade, os semáforos van facilitar a incorporación á Avenida da Florida dos vehículos que ascenden por Eugenio Kraff e o xiro á esquerda dos que circulando pola Florida en sentido centro queren acceder a Xosé Gil.

Outro acordo da Comisión de Goberno é o de instalar unha cámara de control de tráfico na praza de Eugenio Fadrique, para poder controlar dende a sala de tráfico do Concello un punto da rede viaria da cidade cunha alta densidade de circulación.

O presuposto conxunto destas obras elévase a 90.000 euros.


Aprobados proxectos de asfaltado de rúas

A Comisión de Goberno aprobou os proxectos de pavimentado das seguintes rúas:

Rúa Colombia, Rúa Santa Tegra, Gran Vía, Cantabria, Mestre Chané, Santa Mariña, Vía Norte, Portela, Marqués de Valladares, Pablo Iglesias, Núñez de Balboa, Marqués de Valterra, Avenida Atlántida, Doutor Carracido, Marín, Manuel de Cominges, Gándara, (Valadares), Parachán, Barreiro, Santa Cristina, Doutor Marañón, Subride, Seixiños, Venda (Beade), Estrada e Xuncal.

Total de gasto........1.869.168 euros