Escoitar

O Concello inaugura unha mostra na Casa das Artes con 116 imaxes do Arquivo Pacheco

O alcalde informou hoxe da apertura, este xoves ás 20 horas, da mostra "Arquivo Pacheco. Documento Gráfico", habilitada na Casa das Artes ata o próximo 30 de xuño. A exposición encádrase no labor que está a realizar o Concello recuperación, conservación, dixitalización e difusión dun Arquivo composto por 140.000 imaxes

xoves, 24 abr 2014
1398352987pacheco.JPG
Abel Caballero informou este xoves, e ata o 30 de xuño, da apertura dunha nova mostra na Casa das Artes sobre o Arquivo Pacheco que, a través de 116 imaxes, realiza un percorrido ao longo das súas diferentes seccións por algunhas das temáticas máis recorrentes do Estudio Pacheco, como son a paisaxe do mar e da cidade, os acontecementos singulares e cotiáns, ou a importante e pouco coñecida actividade reprográfica, que non sempre mostra gran calidade técnica ou estética, pero que ten un importante valor testemuñal.

A exposición encádrase, tal e como explicou o alcalde, no labor do Concello de Vigo de recuperación, conservación, dixitalización e difusión dun arquivo que conserva unha gran parte da ampla produción da saga de fotógrafos que traballaron no Estudio Pacheco. A intención da mostra é amosar as imaxes tal e como se atopan no arquivo, respectando en todo caso a intención dos fotógrafos, o seu estado de conservación e plasmando as condicións dos seus soportes orixinais.

As orixes do estudio fotográfico Pacheco remóntanse a 1870 co traballo do italiano Filippo Prosperi e a súa esposa, Cándida Otero, quen se asociará en 1906 co fotógrafo portugués Jaime de Sousa Guedes Pacheco. A partir de 1915 o negocio arranca como "Fotografía Pacheco" e o estudio desenvolve o seu traballo ata o peche no ano 1994.

A súa actividade como cronistas gráficos da cidade de Vigo, recolle a súa evolución e a da súa sociedade ao longo de máis de 120 anos. Os traballos iniciais foran principalmente retratos de estudio, actividade complementada coa edición de postais ou a creación de series coleccionables, relacionadas coas paisaxes urbanas ou imaxes pintorescas, que se vendían logo no propio estudio.

O labor da galería foi aumentando xunto ao crecemento da cidade; ademais do retrato de estudio, realizábanse reportaxes na rúa e fotografías para prensa con diversas finalidades (informativa, publicitaria e mesmo artística), que permitían documentar a vida na Galicia da primeira metade do século XX.

O estudio fotográfico contaba cun amplo conxunto de traballadores entre fotógrafos, retocadores e laboratoristas, que traballaban na cidade de Vigo, na provincia de Pontevedra e mesmo en múltiples concellos de Galicia. Dentro do traballo no estudio os retocadores tiñan unha grande importancia.

Aínda que partimos da idea de que a fotografía reflicte a realidade, compre ter en conta que o fotógrafo filtra e selecciona o que quere mostrar ou o que quere ocultar. Moitas pezas do Estudio Pacheco estaban tratadas para enmascarar elementos non desexados ou crear novas montaxes fotográficas. Estes traballos quedan plasmados nos diversos soportes fotográficos que se utilizaban no estudio (placas de vidro, acetatos ou nitratos) e que poderemos observar na visita.
1398352987pacheco.JPG
1398243281fotopacheco.jpg

Máis información