Escoitar

A escola obradoiro municipal "Mar de Vigo IV" remata o seu proxecto coa botadura dun galeón tradicional

O cuarto proxecto da Escola Obradoiro Mar de Vigo, promovido pola Concellería de Promoción Económica e Emprego, clausurouse este xoves coa botadura do galeón tradicional, acto presidido polo alcalde, Abel Caballero. 40 traballadores menores de 25 anos formáronse durante ano e medio en tres especialidades relacionadas co mar, e hoxe xoves recibiron o seu diploma acreditativo.

xoves, 25 xuñ 2009
1245934853mardevigo.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu este xoves o acto de finalización do cuarto proxecto da Escola Obradoiro Mar de Vigo, a botadura en Canido dun galeón tradicional.

A botadura deste xoves pon fin a unha formación de ano e medio de 40 traballadores/as menores de 25 anos cara a aumentar a súa empregabilidade, baixo a tutela de 10 profesionais en tres especialidades relacionadas co mar.

A primeira foi a carpintería de ribeira: na que, mediante a utilización de técnicas tradicionais, remataron a construción do galeón "Coruxo", deixando ademáis feita a estructura dunha dorna de tope. Ademáis nesta especialidade fixéronse as reparacións pertinentes do resto das embarcacións construidas noutros proxectos (traiñeira, bote polbeiro e gamela).

Unha segunda especialidade foi a construción naval en laminados de madeira. Nesta, o alumnado formouse no manexo e utilización de derivados da madeira (taboleiros fenólicos, listóns) para a construción dunha embarcación de servizo, tocando ademáis para completar a súa formación as técnicas do laminado estratificado de poliester.

A terceira referiuse ás actividades náuticas, especialidade que capacita ao alumnado para manexar embarcacións neumáticas, aprender técnicas de navegación , confecciónar velas, aparellado e mantemento; sempre actuando sobre os barcos construidos na escola, tanto tradicionais como de poliester. Esta especialidade realiza ademáis unha importantísima labor divulgativa da nosa cultura mariñeira mediante a asistencia a feiras e encontros de embarcacións tradicionais así como por medio das visitas que os centros escolares realizan á sede de Mar de Vigo onde poden ver "in situ" o proceso de construción de embarcacións tradicionais "modernas" así como asistir a obradoiros de nós e bandeiras e , finalmente, sair a navegar nos barcos da escola.

Ao remate da botadura do galeón Coruxo procedeuse á entrega de certificados e diplomas acreditativos da formación recibida ao alumnado da Escola dándose por finalizado o cuarto proxecto e quedando á espera da concesión dun quinto que xa foi presentado pola Concellería de Promoción Económica e Emprego do Concello de Vigo.

A Escola Obradoiro Mar de Vigo é unha iniciativa promovida pola Concellería de Promoción Económica e Emprego do Concello de Vigo, cofinanciada pola Consellería de Traballo e Benestar, o Fondo Social Europeo e o propio Concello.
Descargar todas as imaxes