Escoitar

O prezo do transporte público non subirá en 2008 para tres de cada catro usuarios

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Transporte e Mobilidade, Xulio Calviño, fixeron público este luns o acordo alcanzado con VITRASA para 2008, que contempla a conxelación das tarifas para os que empregan o bono transporte, que representan o 75% dos usuarios. Deste modo, o servizo para pensionistas seguirá sendo gratuíto.

luns, 17 dec 2007
1197902816vitrasa1707.jpg
Abel Caballero, tras a "dura negociación" mantida con VITRASA, mostrouse satisfeito polo acordo alcanzado, ao que cualificou de "magnífico para o Concello e para os vigueses". Ademais, o alcalde felicitou o concelleiro de Transporte e Mobilidade, Xulio Calviño, por concretar a "aposta decidida" do Goberno local polo transporte público. Será VITRASA quen se faga cargo do custo derivado da conxelación das tarifas dos bonos.

Na negociación, Concello e concesionaria acordaron tamén que a partir de 2008 os usuarios poderán realizar dous transbordos de liña en lugar de un, dentro dos 45 minutos establecidos a tal fin. Esta medida non suporá custo engadido para os usuarios, e nace coa intención de mellorar o servizo público e ampliar a mobilidade dos cidadáns.

O billete ordinario, empregado polo 25% de usuarios, custará 1,08€, un incremento inferior ao IPC do transporte e tres céntimos menos que a proposta da concesionaria, que alcanzaba los 1,11€. Ademais, o modelo de financiamento cambiará a partir do próximo ano. As arcas municipais só se farán cargo do 5% da suba anual, e será a empresa a encargada de asumir o 95% dos custos restantes. Deste modo, sinalou Caballero, "ponse tope á achega do Concello".

As novas tarifas para 2008 inclúen un incremento igual ao do IPC do transporte (un 4,9%) para a tarifa 1 dos taxis. Para equiparar os prezos aos das restantes cidades de Galicia, a tarifa 2 deste servizo debería incrementarse un 27%, pero farao unicamente nun 9%.

Os orzamentos municipais para 2008 destinan 11,5 millóns de euros a subvencións ao transporte público.
Descargar todas as imaxes