Escoitar

O Auditorio Municipal acolle o xoves a proxección do filme "Encallados" dentro da programación de Vigo en Festas

A programación de festas do Concello inclúe a proxección da comedia "Encallados" que os vigueses e viguesas poderán ver mañá xoves 31 de xullo no Auditorio Municipal a partir das 20,30 horas. Dirixido por Alfonso Zarauza, o film está a percorrer teatros e auditorios de toda Galicia, con grande éxito de público e de crítica.

mércores, 30 xul 2014
1406736858ENCALLADOS.jpg
Os O filme "Encallados" de Alfonso Zarauza recala en Vigo cunha única proxección dentro da xira que está a levar a cabo por teatros e auditorios de toda Galicia. Será este xoves 31 ás 20:30 no Auditorio Municipal do Concello, e nela intervirá o director da película e algúns membros do equipo artístico. A entrada custa 5€ e está á venda en Servinova.

Os veciños de Vigo poderán así ter a ocasión de ver este filme logo do éxito que xa tivo noutras cidades. Rodada en Compostela, en branco e negro e en 16mm, "Encallados" é unha comedia sobre o cine dentro do cine, centrada no proceso creativo do guión, sobre a imposibilidade de facer unha película sobre a catástrofe do Prestige. Unha mirada ao noso cine e ao contexto no que vivimos chea de honestidade, autocrítica, melancolía e humor.

Xúlio Abonjo interpreta o director Alfonso Zarauza, Ricardo de Barreiro e Federico Pérez interpretan os guionistas, Andy Mahía e Xosé Castro "Pato", de Zopilote. E Farruco Castromán, produtor da película, interprétase a si mesmo. A película conta coa colaboración de Luis Tosar, actor e tamén produtor de Encallados.

"Encallados" é unha produción de ZircoZine que contou coa axuda de AGADIC. Foi gañadora de tres premios Mestre Mateo na súa última edición: "Mellor película para TV", "Mellor dirección de fotografía" (Alberto Díaz, "Bertitxi") e "Mellor Montaxe" (Adrián Pino).

As particularidades desta película, desde o seu formato ata a temática ou o seu propio proceso de produción, fan que esta película optase por un sistema de distribución alternativa á das salas comerciais que está tendo moito éxito. Con el, "Encallados" quere abrir un camiño para a visibilización do cine galego en diferentes espazos culturais multiusos de toda Galicia. Despois de Vigo a película continuará o seu periplo durante o mes de agosto por outras localidades como Ribeira, O Carballiño, Mondoñedo, Redondela, Monforte ou Ribadeo. A finais de setembro estrearase en Madrid coa intención de iniciar unha nova xira fóra de Galicia.

A contratación desta proxección está aberta para concellos, salas privadas, asociacións culturais ou calquera outra entidade interesada en proxectar Encallados na súa localidade, tanto en auditorios como ao aire libre.

En outono o director Alfonso Zarauza estreará en cines de toda España a súa outra longametraxe "Os fenómenos", un drama rodado en Galicia sobre a crise do sector da construción e inmobiliario, protagonizada por Lola Dueñas e Luis Tosar e un elenco composto na súa maioría por actores galegos.
Descargar todas as imaxes