Escoitar

O Pleno reclama á Xunta de Galicia dotar dun laboratorio central ao novo hospital de Vigo

Socialistas e nacionalistas votaron a favor dunha resolución "in voce" presentada no Pleno deste martes, despois da intervención de Matilde Rodríguez, hematóloga do Xeral, argumentando a necesidade de contar cun laboratorio de análise clínico no novo hospital. A Xunta de Galicia prevé ubicalo no hospital Meixoeiro.

martes, 29 xul 2014
Cos votos en contra do Partido Popular, os grupos municipais do PSOE e do BNG sacaron adiante dúas resolucións -presentadas na sesión plenaria deste luns por ambos partidos- reclamando á Xunta de Galicia que constrúa no novo hospital de Vigo un laboratorio central de análise clínico para a área sanitaria viguesa, en lugar de levalo ao Meixoeiro.

Así o reclamou o grupo socialista mediante unha resolución "in voce" e o grupo nacionalista, quen recuperou o texto sometido a votación no pleno anterior solicitando que o novo hospital de Vigo estea dotado de laboratorio central e "garanta que os Servizos de Análises Clínicas, Microbioloxía, Inmunoloxía e Hematoloxía teñan a dotación necesaria, en recursos humanos e materiais, que permitan dar resposta ás necesidades da cidadanía no ámbito da Sanidade Pública".

Os tres grupos políticos con representación municipal debatiron a cuestión despois dunha intervención de Matilde Rodríguez, hematóloga do Xeral de Vigo, encargada de levar ao Pleno á voz dos profesionais que reclaman que esta unidade estea situada no novo hospital.