Escoitar

o Concello estuda ampliar a partida orzamentaria para a cooperación ao desenvolvemento

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo na mañá deste martes un encontro con membros do Comité Organizador da Semana de Acción Mundial pola Educación, reunión na que se estudou incrementar nos próximos anos a partida orzamentaria viguesa destinada á Cooperación ao Desenvolvemento. O obxectivo do organismo é que os Concellos dirixan o 0,7% dos seus orzamentos a esta causa.

martes, 15 abr 2008
1208265418reuinionalcalde150408.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e dous membros do Comité organizador da SAME, a Semana de Acción Mundial pola Educación, Paco Vallverdú e David Viso, estudaron este martes ampliar progresivamente a partida orzamentaria do Concello ata acadar o obxectivo final de investir o 0,7% da mesma na Cooperación ao Desenvolvemento.

Este evento está organizado pola Campaña Mundial pola Educación, da que forman parte diversas ONGs, sindicatos e asociacións escolares, entre outros organismos. Os membros do Comité explicaron ao alcalde a situación actual das aportación públicas á Cooperación, a nivel municipal, autonómico e estatal.

Na semana do 21 ao 29 de abril terá lugar a Semana de Acción Mundial pola Educación, que procura que unha Educación para Todos e Todas sexa unha realidade no ano 2015. Para acadalo solicitan aos sectores públicos que dediquen máis recursos para que este dereito universal se faga efectivo.

Desde o ano 2000 acadáronse algúns avances, como a escolarización de 40 millóns de rapaces, pero aínda existen situacións de exclusión, nas que os nenos non poden acceder a unha educación de calidade. Así, os organizadores da SAME solicitan aos poderes públicos que garantan unha axuda de xeito estable e a longo prazo, para que os países do Sur poidan planificar as políticas educativas axeitadamente.
Descargar todas as imaxes