Escoitar

O Goberno Local inicia as obras de humanización de Teis, Balaídos e Bouzas

A Xunta de Goberno Local deste luns aprobou a contratación das obras de humanización das rúas Sanjurjo Badía, Eugenio Kraft e a Alameda Suárez Llanos. O Concello adica máis de 1,5 millóns de euros ás melloras, e a duración das reformas oscilará entre os tres e os seis meses. Ademais, o alcalde avanzou que se investirá preto de 500.000 euros na elaboración dun Plan de Mobilidade que prevé solventar os problemas de tráfico e aparcamento da cidade.

luns, 14 abr 2008
1208175837sanjurjo.jpg
O goberno local aprobou este luns o comezo das obras de humanización das rúas Sanjurjo Badía, Eugenio Kraft e da Alameda Suárez Llanos, en Bouzas. As contratacións, aprobadas na Xunta de Goberno Local deste luns, supón un investimento municipal de máis de 1,5 millóns de euros, e as melloras estarán rematadas nun prazo que oscila entre os 3 e os 6 meses.

O Concello continua "o proceso de aprobación de contratacións de humanizacións en toda a cidade", salientou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Así, a reforma do barrio de Bouzas comeza na súa primeira fase coas melloras na Alameda Suárez Llanos, obras ás que o Concello adica 545.000 euros. O prazo de execución das mesmas é de catro meses.

Pola súa banda, o proxecto de humanización do entorno de Balaídos contempla, aprobado este luns na súa primeira fase, un investimento de 207.000 euros. As melloras da rúa Eugenio Kraft estarán executadas nun prazo máximo de 3 meses.

A humanización de Sanjurjo Badía -contratada este luns en primeira fase-, "unha das grandes tarefas pendentes da cidade", en verbas do alcalde, "é a primeira dunha cadena de actuacións en Teis" para paliar o "abandono" deste barrio da cidade. O Concello inviste 1.360.000 euros nas obras que reformarán esta rúa nun prazo máximo de seis meses.

Melloras de tráfico e seguridade

A Xunta de Goberno Local decidíu asemade a eliminación de gastos superfluos da concesión da XER, a Xestión de Estacionamento Regulado, o que supón un aforro para o Concello de máis de 565.000 euros, cantidade que se destinará á mellora do tráfico e a mobilidade.

O alcalde, Abel Caballero, avanzou que case 469.000 euros do total se adicará á elaboración dun Plan de Mobilidade, que estudará o número de prazas de aparcamento necesarias para solventar os problemas de tráfico e estacionamento da cidade.

Os outros 96.000 euros se dirixen a estudar a posibilidade de sumar 8 cámaras de videovixilancia ás 12 que xa prevé a concesión da XER. A instalación dos 20 dispositivos, que controlarían o tempo de estacionamento, dependerá da utilidade das catro cámaras de proba que o Concello instalará na rúa Venezuela.

Abel Caballero salientou asemade que o concelleiro de Tráfico e Seguridade, Xulio Calviño, manterá sendas reunións cos comerciantes do centro e da Plaza Elíptica para estudar a posibilidade de instalar cámaras de vixilancia nestas zonas de Vigo.

Sen resposta da Deputación

O alcalde informou que o Concello aínda non recibíu resposta da Deputación de Pontevedra ás propostas municipais de humanización das rúas Coruña e Tomás Alonso e do barrio de Casablanca, acordadas "tácitamente" polo alcalde e o Presidente do organismo provincial.

Abel Caballero explicou que "fai tres meses" do envío formal da solicitude, e achacou a "desatención intolerable" da Deputación á súa "falta de vontade" e "deslealtade" con Vigo. O alcalde solicita "explicacións" polo que considera un "cambio de actitude" da Deputación.
Descargar todas as imaxes