Escoitar

A programación municipal de teatro infantil continúa coa representación de "Un agasallo para Xaquín"

Coa obra "Un agasallo para Xaquín", interpretada pola compañía Os Monicreques de Kukas, continúa o sábado, 12 de abril, a programación estable de teatro para o primeiro semestre de 2008, posta en marcha pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. A representación, que terá lugar no Auditorio Municipal ás 18:00 horas, está dirixida a nenos e nenas a partir dos catro anos.

venres, 11 abr 2008
"Un agasallo para Xaquín" é un espectáculo creado a proposta do Instituto Galego de Consumo que conta a historia de Xaquín, un neno consumista e caprichoso que só se alimenta de larpeiradas ata que o día do seu aniversario vive un pesadelo que o fai reflexionar sobre a súa actitude e o impulsa a cambiar os seus hábitos. Deste xeito, na obra se abordan, por medio da narración dunha historia representada teatralmente con monicreques, temas transversais como poden ser o uso e abuso de comida lixo e rica en gordura e azucres fronte a unha alimentación saudable e natural, as formas de vida excesivamente sedentarias e solitarias fronte ós xogos en grupo e a práctica de deportes ó aire libre, ou o consumismo fronte ós hábitos de consumo responsable.

No ano 1979, Isabel Rey e Marcelino de Santiago fundan Os Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia, e unha das máis estables do panorama teatral galego. O seu traballo caracterízase por contribuír á dignificación do teatro de marionetas coidando a presentación dos espectáculos tanto dende o punto de vista formal como no argumental e textual. Ademais de empregar argumentos de carácter social e relacionados coas tradicións galegas, investigan na creación e construción de novos prototipos de marionetas que conxugan diferentes técnicas de manipulación e que permiten montar espectáculos de gran formato. Outros dos seus traballos son "Galiza Máxica", "O Retablo de Maese Pedro de Falla", "Cantata San Nicolás de Britten", "Contos do Vento acatarrado", e "Xan Trapallas", entre outros.

As entradas, de 2 euros para os menores de doce anos e 3 euros para os maiores, pódense adquirir nas instalacións da Central de Espectáculos (na rúa Velázquez Moreno, número 26) e por internet na web www.centralespectaculos.com. Unha hora antes do comezo do espectáculo, se todavía quedasen entradas, poden mercarse na propia taquilla do Auditorio.