Escoitar

A Xunta de Goberno toma coñecemento do Mapa de Ruídos de Vigo

A Xunta de Goberno Local tomou coñecemento este luns do Mapa de Ruídos de Vigo, un documento que recolle información sobre contaminación acústica nas distintas zonas da cidade e que pretende servir de base para planificar medidas que teñan por obxecto controlar este problema. A elaboración dun mapa estratéxico de ruídos é unha obriga para todas as aglomeracións da Unión Europea con máis de 250.000 habitantes, segundo a normativa comunitaria vixente.

luns, 10 mar 2008
1205162111xunta100308.jpg
A Directiva L.37/2003 establece unha serie de pautas para avaliar e controlar o ruído, entre as que se citan as obrigas de clasificar o territorio en áreas acústicas segundo o uso predominante e de fixar obxectivos de calidade para cada área de sensibilidade acústica, así como a necesidade de elaborar mapas de ruído que reflictan a situación actual, a obtención dun indicador de poboación afectada e a redacción de plans de acción.

De acordo coa súa obriga legal, a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo promoveu, a finais de 2005, a contratación do Mapa de Ruídos, documento que vén de ser entragado ao Concello para que o valide tecnicamente, aprobe e remita ao Ministerio de Medio Ambiente.

Este Mapa de Ruídos contén información sobre o valor dos índices acústicos existentes ou previstos en cada unha das áreas acústicas afectadas e sobre os valores límite e obxectivos de calidade acústica aplicables a estas áreas. Ademais, no documento indícase se os valores existentes superan ou non os obxectivos de calidade acústica aplicable, así como o número estimado de persoas, vivendas, colexios e hospitais expostos á contaminación acústica en cada área.

Dos datos feitos públicos este luns polo alcalde, Abel Caballero, despréndese que as áreas máis afectadas por ruídos relacionados co tráfico de vehículos son Freixeiro, Gran Vía, as avenidas de Antonio Palacios e Castrelos e algunhas zonas de Comesaña e Navia. Tamén o Centro da cidade padece "en boa parte da súa superficie" este problema, con niveis de máis de 75 decibelios. Por outra parte, o tráfico ferroviario ten unha especial incidencia sobre os niveis de contaminación acústica nos ámbitos das instalacións portuarias. No contorno do aeroporto este niveis son "relevantes" pero a poboación exposta aos ruídos é pouca. En relación ás actividades económicas, o Mapa de Ruídos pon de manifesto que os sectores que máis contribúen a elevar o nivel de decibelios son o da construción naval e o pesqueiro.

O Mapa de Ruídos de Vigo será completado coa elaboración dun plan municipal para controlar a contaminación acústica na cidade, segundo adiantou Abel Caballero. Ademais, o alcalde anunciou que o Concello elaborará un mapa de edificios "sensibles" ao ruído. Este mapa, indicou o alcalde, "vainos dicir que tipo de edificacións hai que facer para minimizar o impacto" da contaminación acústica. Caballero explicou que o futuro documento medirá os niveis de ruído que "ante calquera cambio" se produzan "en cada unha das vivendas" da cidade.
Descargar todas as imaxes