Escoitar

O centenario de Laxeiro principia cunha exposición de debuxos inéditos do pintor

O concelleiro de Cultura, Xesús López, presentou este venres a programación da Fundación Laxeiro para este ano 2008, no que se celebra o centenario do nacemento do pintor laninense. Trátase dunha ampla programación que recolle diversos aspectos da figura deste artista tan vencellado á cidade de Vigo, pasando pola investigación, a divulgación e a programación de diversas exposicións sobre a súa obra. A programación comeza este venres na Casa das Artes coa inauguración da mostra "Debuxos inéditos VI. Anatomías".

venres, 8 feb 2008
1202477076laxeirodebuxo1.jpg
"Vigo está de noraboa neste 2008, ao celebrar o nacemento de Laxeiro", subliñou Xesús López na súa intervención. O concelleiro salientou ademais a importancia de achegar a figura deste pintor a toda a cidadanía animándoa a visitar a mostra que se inaugura este venres e que se poderá ver ata o 4 de maio. Unha exposición dedicada á anatomía, aspecto do debuxo que Laxeiro desenvolveu abondosamente desde o inicio da súa carreira.

Ao respecto, o director da fundación, Javier Pérez Buján, explicou que tres son as referencias que conforman o universo propio da anatomía laxeiriana, caracterizada por unha naturalidade excepcional na expresión corporal dos seus debuxos. Por unha banda, o estudo anatómico naturalista, froito da súa estadía na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid no período 1931-1933, que lle achegou un coñecemento exhaustivo do corpo humano. Tamén a iconografía da escultura románica e barroca, tan abondosa nas igrexas da Galicia rural e que Laxeiro interiorizou desde a súa nenez, contribuíndo en boa medida a unha estética corporal inconfundible. Por último, a súa experiencia visual do que o rodeaba, os paisanos e paisanas da Galicia rural e a xente da cidade, cada un cunha linguaxe corporal propia, produto das súas respectivas actividades.

Neste itinerario, Picasso é o fío conductor, dende o seu neoclasicismo do primeiro terzo do século XX que idealizaba o corpo feminino ao Picasso máis informalista, que soubo reinterpretar os achados do cubismo en clave orgánica e xestual, abrindo novas formas de ver que Laxeiro interiorizou desde a súa visión persoal do xesto e das proporcións.

En canto á investigación, destaca a elaboración do "Catálogo universal da obra de Laxeiro", que estará no mercado, previsiblemente, en novembro deste ano. Esta publicación recollerá de forma exhaustiva e detallada toda a produción artística do pintor.

No apartado da divulgación, a fundación xa ten confirmada a visita de arredor de 3.000 escolares durante 2008, no marco das actividades para escolares de Primaria e Secundaria tituladas "Coñece a Laxeiro". Tamén está prevista a realización dunha mediometraxe dirixida polo artista vigués Diego Santomé, que recreará a figura de Laxeiro en clave poética.

Outras das iniciativas que se está a levar a cabo é a renovación da imaxe corporativa da Fundación e da súa páxina web, dotándoa dun maior dinamismo, para convertela nunha ferramenta de traballo indispensable para a investigación sobre Laxeiro e a arte contemporánea en Galicia.
1202477076laxeirodebuxo1.jpg
1202477091laxeirodebuxo2.jpg
1202477233laxeiro080208a.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información