Escoitar

Cultura pon en marcha unha programación municipal teatral estable con obras para todos os públicos

O concelleiro de Cultura, Xesús López, presentou este xoves a programación de teatro para o primeiro semestre de 2008, que se desenvolverá integramente no Auditorio Municipal a partir do 9 de febreiro.

xoves, 7 feb 2008
1202393499teatro070208.jpg
O concelleiro, que estivo acompañado polo responsable da programación de Artes Escénicas do Concello, Xerome Calero, salientou que con esta iniciativa a Concellería tenta que a xente se acostume a ter "unha programación estable no Auditorio Muncipal" e subliñou como novidade a posta xa á venda das entradas nas instalacións da Central de Espectáculos e na web da propia central (www.centralespectaculos.com).

"A programación está integrada por obras de diversos xéneros artísticos, como é o teatro e a maxia, polo que atende a todos os públicos", explicou Xesús López, quen indicou que no caso do teatro infantil e para adultos a periodicidade é quincenal pero flexíbel por estar condicionada a datas como Semana Santa, mentres que as funcións de maxia terán lugar os derradeiros sábados de cada mes. O concelleiro de Cultura salientou ademais que os prezos son "absolutamente populares", xa que a entrada para as obras para adultos é de 5 euros, e a de teatro infantil e maxia é de 2 euros para menores de 12 anos e 3 euros para maiores desa idade.

Así, o programa dedicado aos máis pequenos, que comeza este sábado 9 de febreiro e remata o 24 de maio, está integrado por seis representacións e cada unha delas está recomendada para unha idade determinada, dende os tres ata os dez anos. O circuíto de maxia, pola súa banda, está integrado por catro espectáculos que terán lugar o último sábado dos meses de febreiro, marzo, abril e maio, e está dirixido a un público familiar. Finalmente, o teatro para adultos, que comeza o 14 de febreiro e remata o 30 de maio, presenta obras de temática variada, dende as baseadas en textos cunha perspectiva feminina da vida, ata outras referidas á propia lingua.

O responsable do programa, Xerome Calero, felicitou na súa intervención ao concelleiro polo feito de contar "por primeira vez na historia das artes escénicas do Concello de Vigo" cunha programación teatral que busca a estabilidade. Por outra banda, o concelleiro adiantou que nun futuro extenderase o programa para abarcar outros xéneros artísticos como a música, unha vez que se leven a cabo as obras de reforma do Auditorio Municipal, previstas para os meses de xullo, agosto e setembro. Neste sentido, Xesús López indicou que se está rematando o proxecto de execución, e que a remodelación ten como obxectivo prioritario "gañar en visibilidade". A tal fin modificarase a disposición das butacas, sen diminuír o seu número (300) e ampliarase o escenario. Os orzamentos para este ano 2008 contemplan unha partida de 500.000 euros para desenvolver estes traballos de remodelación.
Descargar todas as imaxes

Máis información