Escoitar

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular finaliza o seu proceso de ampliación coa incorporación de seis novos membros

Seis anos despois, Vigo acolleu na mañá deste venres no Pazo de Castrelos a XXV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular que, segundo o seu Secretario Xeral Xoan V. Mao, representa "un antes e un despois na súa historia" tras completar o proceso de ampliación do organismo, que pasará a estar composto por 34 cidades de Galicia e do Norte de Portugal.

venres, 8 feb 2008
1202482007eixo080208.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola súa parte, salientou o sistema urbano "dinámico e crecente" da Eurorrexión, un "modelo único de goberno no eido da cooperación transfronteriza" tras a celebración desta Asamblea. "A Asamblea de hoxe constitúe unha nova dimensión do Eixo Atlántico", afirmou o alcalde en relación á incorporación das cidades, xa que "a vocación do Eixo é ocupar un lugar relevante na política europea".

O alcalde congratulouse de que Vigo acolla a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) para rematar afirmando que "na vertebración da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal radica unha peza clave do noso futuro".

A reunión, que foi inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, contou coa presenza de representantes de todas as cidades membro, sendo a primeira vez que representantes das 34 cidades asisten a unha asemblea xeral do Eixo Atlántico. Así mesmo, participaron na reunión as principais institucións e axentes económicos e sociais de Galicia e do Norte de Portugal.

Coa incorporación das seis novas cidades (Sarria, Riveira e Carballiño –da parte galega- e Penafiel, Lamego e Macedo de Cavaleiros –da parte portuguesa) o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que contará este ano cun orzamento de 2,9 millóns de euros, convertirase no "sistema urbano transfronteirizo máis forte de Europa".

Durante a Asemblea foi presentado o programa de actuacións previstas para o ano 2008 que, entre outras, recolle as seguintes inicitivas:

- O reforzamento da interlocución coa Comisión Europea e da presenza do Eixo Atlántico en Europa a través da creación da EUROMOT na localidade francesa de Lille en novembro de 2007, da cal ademais de fundadores, o Eixo Atlántico ostenta a presidencia do Bureau Político e do Bureau Executivo. Este institución constitúe a primeira rede europea de entidades transfronteirizas de proximidade.

- A elaboración dun Plan de transportes intermodal que constituirá un documento de carácter estratéxico, inserido nas orientacións da Comisión Europea, que integre o Mapa de Infraestructuras, a estratexia de intermodalidade e as directrices de ordenamento do territorio, actualizando a realidade do 2008 e cunha vixencia estimada ata 2012.

- A creación do Sistema Transfronteirizo de Información Urbana do Eixo Atlántico, que ten como principal finalidade a elaboración dun informe anual sobre competitividade e cohesión das cidades que conforman o sistema urbano da Eurorrexión.

- A posta en marcha dunha Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, experiencia innovadora que segue o modelo que funciona en Barcelona, único existente na actualidade en toda Europa; así como o desenvolvemento do Programa PISU (Plano Integral de Substentabilidade Urbana do Eixo Atlántico) en coordinación coa Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona.

Na reunión tamén foron analizados o informe de xestión e o informe económico do exercicio anterior. En opinión do Secretario Xeral do Eixo Atlántico "o ano 2007 marcou un punto de inflexión por diversas razóns, tanto de carácter estratéxico como estrutural".

No que se refire á parte estrutural, no último ano levouse a cabo unha ampliación longamente dilatada no tempo, que recoñeceu a existencia dun segundo cinto do Sistema Urbano. A ampliación de 16 novos membros non só evidencia a boa saúde e prestixio da asociación trransfronteiriza senón o reforzamento da súa presenza institucional e unha maior independencia económica.

No ámbito estratéxico reforzouse notablemente a vertente de organización de servizos, vocacionada cara ao desenvolvemento e a innovación do sistema urbano, mediante a coordinación coas directrices da Comisión Europea do novo período de Programación de Fondos Comunitarios.

Neste contexto, a adhesión de Verín permitiu impulsar unha das fórmulas máis innnovadoras e, probablemente, con máis futuro no ámbito da cooperación de segunda xeración: a Eurocidade Chaves-Verín. Esta iniciativa constitúe, segundo reflectiu o Presidente do Eixo Atlántico na súa intervención final, un "laboratorio singular de servizos compartidos, que pode colocar a nosa Eurorrexión nos niveis que por dereito lle corresponden".

Á clausura do evento asistiron representantes de Caixanova, entidade que financiará a cátedra de estudos eurorrexionais. Tamén estiveron invitados os secretarios xerais autonómicos de CC.OO. e UGT.
Descargar todas as imaxes