Escoitar

O alcalde solicita á Consellería de Vivenda a rehabilitación integral de Teis

A Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo asinaron este xoves un convenio marco de colaboración en materia de vivenda e solo. A petición do alcalde de Vigo, o departamento que dirixe Teresa Táboas comprometeuse a estudar a declaración do barrio de Teis como "Área de Rehabilitación Integral", xa que cumpre as condicións establecidas no Plan estatal de Vivenda 2005-2008 para esta clase de áreas. A declaración suporía a completa reforma do barrio vigués.

venres, 8 feb 2008
1202469363vivenda070208.jpg
Do mesmo xeito, esta sinatura permitirá a elaboración de convenios específicos para, entre outros obxectivos, a cesión de solo municipal destinado á construcción de viviendas con algún tipo de protección, dirixidas a colectivos singulares, como mozos e persoas maiores, por exemplo.

As medidas acordadas entre Concello e Consellería abranguen varios campos de traballo. Ambas institucións colaborarán na redación dun estudo-diagnose sobre a demanda de vivenda protexida na cidade, documento previo á elaboración do I Plan Municipal de Vivenda. A elaboración deste estudo-diagnose suporá 24 meses de traballo, pois será máis exhaustivo que o contratado para o resto de Galicia. O Concello pretende que se concrete no texto o número e tipoloxía das vivendas protexidas, as localizacións preferentes e os posibles beneficiarios.

Para asegurar a plena colaboración Xunta-Concello, o convenio establece mecanismos de cooperación que permitirán o intercambio permanente de información relevante, así como acadar un consenso para a futura execución en Vigo do Plan Sectorial de Vivenda de Galicia, a fin de evitar posibles contradiccións entre os respectivos instrumentos de ordenación territorial.

Para mellorar a coordinación interadministrativa no tocante ás distintas axudas de emancipación, o convenio propón a creación dunha Oficina única de información sobre Vivenda en Vigo. Nela participarían as administracións estatal, autonómica e local. Así aunaríanse os tres focos de información sobre vivenda da cidade: a Oficina Municipal de Vivenda, que en breve porá en marcha o goberno local, o Consorcio do Casco Vello e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O convenio asinado prevé tamén a formalización de convenios específicos para a execución de obras de acondicionamento e urbanización de determinados espazos públicos, que contribúan á mellora da calidade do espazo edificado.

Ademais, Vivenda estudará a implementación dun réxime xeral de axudas financeiras para os propietarios de vivendas obrigados a executar obras de reparación e conservación, no marco das Inspeccións Periódicas de Edificios (ITES). O Concello carece de recursos propios para o financiamento, polo que a Consellería se faría cargo desta tarefa.
Descargar todas as imaxes