Escoitar

San Silvestre, unha carreira para acabar o ano de maneira solidaria

Este 31 de decembro, a partir das 17.00 horas, todas as persoas que queiran poderán participar na terceira Carreira Popular de San Silvestre, tamén chamada Carreira do Parrulo. Só necesitan ter ganas de correr os seis kilómetros do circuíto que se habilitará no parque de Castrelos e traer consigo un alimento non perecedoiro, que será entregado posteriormente ao Comedor da Esperanza.

venres, 21 dec 2007
1198255234carreira211207.jpg
A Carreira de San Silvestre é un evento "aberto a todo o mundo", segundo explicou este venres o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. Non hai límite de idade. Por outra parte, é unha carreira "sen ánimo de lucro" e "non competitiva", como recordou o presidente do Club de Atletismo de Vigo, Manuel Dalmeda.

A finalidade desta iniciativa é reunir alimentos non perecedoiros para o Comedor da Esperanza, centro asistencial da Congregación das Fillas da Caridade situado no Casco Vello. Así, o único requisito para participar na carreira é acudir ao parque de Castrelos o luns 31 a partir das 16.30 horas con algunha cantidade dun destes alimentos. Inmediatamente, o que desexe correr na Carreira de San Silvestre quedará inscrito e recibirá unha camiseta doada por unha marca deportiva.

A carreira consistirá nunha proba de 6 kilómetros de distancia. Para completalos, os participantes terán que dar cinco voltas ao circuíto que se establecerá no parque. A organización lembra que a carreira non ten carácter competitivo, polo que cada un pode ir ao ritmo que queira. Ao final da proba, os corredores poderán gozar dunha taza de chocolate con roscón doada por unha confitería local.
Descargar todas as imaxes