Escoitar

O Pleno para debater a aprobación definitiva do Plan Xeral terá lugar o sábado 29

A Comisión Delegada de Urbanismo decidiu este venres que a reunión do Consello Sectorial de Urbanismo para tomar coñecemento do documento final do Plan Xeral será o mércores 26. Despois da aprobación da Xunta de Goberno Local e a toma de coñecemento da Xerencia de Urbanismo ese mesmo día, o Pleno da Corporación celebrará unha sesión extraordinaria o sábado 29 para debater a aprobación definitiva do PXOM.

venres, 21 dec 2007
O alcalde, Abel Caballero, cualificou a fixación destas datas de "boa noticia para a cidade" e salientou que o proceso de aprobación do Plan Xeral se está levando a cabo "con absoluta transparencia", xa que todos os cambios introducidos no documento foron comunicados aos axentes políticos, sociais e económicos "no momento en que se ían producindo".

Segundo acordou a Comisión Delegada de Urbanismo, os membros do Consello Sectorial de Urbanismo debían recibir este venres ao mediodía de mans da concelleira Carmen Silva unha copia impresa do Plan, acompañada dun listado que recolla pormenorizadamente os cambios para facilitar e axilizar a lectura dos planos por parte dos colectivos.

O obxectivo desta medida, proposta pola concelleira do BNG Elena Maure, é permitirlles aos membros do Consello analizar o documento nos días que faltan para a súa reunión, de xeito que poidan ter unha opinión cualificada ao respecto. Neste sentido, o alcalde afirmou que "terán tempo suficiente". En todo caso, segundo informou a concelleira do BNG María Méndez, a concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, comprometeuse a adiar a celebración do Consello no caso de que algún dos colectivos "non teña hoxe os cambios propostos".

Pola súa parte, o representante do PP, José Manuel Figueroa, criticou o que na súa opinión é falta de información por parte do Goberno local sobre o proceso de aprobación do Plan. Así, Figueroa afirmou que nestas circunstancias "é imposible que alguén poida posicionarse". Con todo, o concelleiro do PP adiantou que o seu grupo fará "un esforzo" para acudir á reunión do mércores cunha opinión fundamentada.