Escoitar

O Show dos Lunnis e ‘Wanted’, pratos fortes do Nadal

Os pratos fortes da programación que o Concello organiza con motivo do Nadal terán lugar o 2 de xaneiro, coa chegada a Vigo do Show dos Lunnis, e o día 3, co espectáculo cómico ‘Wanted’, a cargo de Santi Rodríguez, Santi Millán e Agustín Jiménez. Ambas as citas terán o Pavillón das Travesas por escenario.

xoves, 20 dec 2007
1198167372lunnis191207.jpg
O concelleiro de Festas, Xesús López, na presentación dos dous espectáculos
O Show dos Lunnis celebrarase o mércores 2 a partir das 17.30, unha hora despois da apertura das portas do Pavillón das Travesas. O prezo da entrada anticipada para asistir a este espectáculo dirixido aos máis pequenos é de 10 euros, e o da entrada en taquilla, de 12. As entradas pódense adquirir a través da páxina web www.servinova.com, de Caixanova, e no punto de venda do Centro Comercial Praza Elíptica.

Lucho, Lupita, Lulila, Lublú, Lulo, Lula e Lubina, famosos en televisión como "Los Lunnis", chegan a Vigo na súa viaxe por toda España para traer un espectáculo de Nadal que contará cos seus maiores éxitos, como "La canción de las campañas", "Cumpleaños" e "Dame tu mano", xunto con panxoliñas como "Los peces en el río" e "Campana sobre campana". Ademais de cantar, os Lunnis farán que os cativos participen no espectáculo con xogos e bailes que os propios nenos terán que seguir.

No apartado técnico, 150.000 watios de luz e 40.000 watios de son farán que durante 1 hora e 15 minutos tanto os nenos como os pais gocen dun concerto cheo de ritmo e de maxia.

‘Wanted’

"O show dos cómicos máis buscados", como reza o subtítulo deste espectáculo, terá lugar o xoves 3 a partir das 21.30 horas. O prezo das entradas é de 25 euros para as bancadas e de 30 para a platea, e a adquisición anticipada de localidades pode realizarse polas mesmas vías que no caso do Show dos Lunnis.

‘Wanted’ concíbese como unha gran velada teatral na que tres dos actores españois máis divertidos e intensos ofrecen unha experiencia única e irrepetible. Para iso, estes tres cómicos "moi perigosos" interactúan co público dunha maneira que acabará influíndo no desenvolvemento dun espectáculo de gran formato cun escenario á italiana destinado a pavillóns con grandes aforos.

‘Wanted’ busca garantir ante notario o riso dos asistentes cun espectáculo sempre diferente, que os actores aproveitan para adentraren o público nas súas vidas, nos motivos que os teñen levado a ser perseguidos e na súa peculiar visión da vida.

Descargar todas as imaxes