Escoitar

O Concello pagará 57 recoñecementos extraxudiciais de crédito por valor de 3,5 millóns

A Xunta de Goberno Local, reunida este mércores en sesión extraordinaria, aprobou o pagamento de 57 recoñecementos extraxudiciais de crédito correspondentes ao anterior mandato por un importe total de máis de 3,5 millóns de euros. O abono dos recoñecementos evita a denuncia de terceiros ao Concello de Vigo.

mércores, 19 dec 2007
1198074360xunta191207.jpg
O alcalde, Abel Caballero, afirmou apoiándose en informes xurídicos dos técnicos municipais que o Concello se viu na obriga de asumir o pagamento da débeda herdada, xa que se poderían producir denuncias por parte de terceiros. Deste xeito, ademais, protéxense os dereitos destes terceiros a cobrar polo servizos prestados.

O alcalde sentenciou que os recoñecementos son "nulos de pleno dereito, xa que non presentaban nin partida orzamentaria nin intervención fiscal", requisitos previos á solicitude desta modalidade, empregada normalmente con carácter excepcional. A actuación do mandato anterior pode comportar responsabilidades para os que autorizaron os recoñecementos, sendo o Tribunal de Contas o encargado de decidir neste punto.

Abel Caballero anunciou que, para evitar que se repita esta situación e "se traballe sempre acorde coa legalidade", o Goberno local non empregará este procedemento salvo excepcións, que ao longo dun mandato, afirmou, se poderían dar en "dúas ou tres ocasións". O alcalde sinalou que "o Goberno anterior non foi transparente na súa actuación", xa que non houbo nin concurso público nin publicidade. O acordo acadado entre os anteriores dirixentes e as empresas "non foi coñecido polos cidadáns", polo que "terán que asumir as súas responsabilidades".

Por outra parte, na mañá deste mércores a Xunta de Goberno Local celebrou outra sesión extraordinaria, desta vez para aprobar as novas tarifas do transporte público para 2008.

Bombeiros

Ademais, Abel Caballero recibiu no seu despacho os bombeiros feridos no incendio de García Barbón. O alcalde trasladoulles a súa felicitación no nome da cidade polo esforzo e dedicación demostrados durante esta actuación.

Así mesmo, o alcalde comentou cos bombeiros algunhas das medidas que se porán en marcha para mellorar as súas condicións laborais. Así, os empregados do servizo que estean de baixa a causa do desenvolvemento do seu labor profesional non perderán ningún ingreso, como sucede agora, xa que se manterán os soldos íntegros coas primas habituais. Igualmente, Caballero afirmou que os sistemas actuais de comunicación dos bombeiros non están á altura das circunstancias, razón pola cal o Concello estudará a adquisición de novos sistemas automáticos.
1198074360xunta191207.jpg
1198074381bombeiros191207.jpg
Descargar todas as imaxes