Escoitar

Benestar Social convocará un foro da emigración e creará un Consello Municipal de Cooperación

A Concellería de Benestar Social convocará un foro da emigración en febreiro de 2008 para analizar a situación deste colectivo en Vigo e no resto de Galicia, e creará, ademais, o Consello Municipal de Cooperación, segundo anunciou a concelleira, María Méndez.

mércores, 19 dec 2007
1198076909reunion181207.jpg
Este compromiso foi adoptado tras a reunión que a concelleira mantivo onte martes, Día Internacional do Emigrante, con 18 colectivos de inmigrantes e emigrantes retornados da cidade, para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e necesidades e conseguir que as intervencións que se realicen sexan o máis acordes posible con elas.

"Dende o Concello queremos potenciar os programas dirixidos a informar e orientar en canto á vivenda, de apoio educativo para os menores, fomentar a intervención coas mulleres inmigrantes e potenciar a organización das actividades de difusión da realidade da emigración dirixidas á poboación xeral", explicou María Méndez, quen subliña que estas medidas son imprescindibles para acadar a integración e a normalización deste colectivo, finalidades coas que se crearán o foro da emigración e o Consello Municipal de Cooperación.

O acceso ao emprego e ás vivendas son as dúas principais dificultades que condicionan a estabilidade dos emigrantes, segundo se desprende das intervencións dos representantes das distintas asociacións que participaron na xuntanza. En concreto, o representante de Arxentinos no Exterior sinala que, en xeral, "a integración en Vigo é positiva, tendo en conta que é a cidade galega na que viven máis inmigrantes".

Outra medida que se desenvolverá para mellorar a atención ao colectivo de inmigrantes anunciada pola concelleira de Benestar Social é o traslado, ao longo do mes de xaneiro, da Oficina de Inmigración ás dependencias de Martínez Garrido. "Estas instalacións contarán co persoal especializado suficiente para atender as demandas", subliñou María Méndez. A concelleira indicou, así mesmo, que o departamento que dirixe está a traballar na posibilidade de habilitar unha dirección de correo electrónico para que os propios inmigrantes poidan pórse en contacto directamente co persoal técnico do Concello en materia de inmigración e deste xeito "axilizar a comunicación".
Descargar todas as imaxes