Escoitar

O Pleno aproba definitivamente o orzamento municipal de 2008

O orzamento municipal para 2008, de 231,3 millóns de euros, foi aprobado definitivamente este xoves polo Pleno da Corporación, cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG. O PP abstívose ao non ser aceptadas as súas alegacións ao documento.

xoves, 20 dec 2007
1198165423pleno201207.jpg
A través da súa proposta, o PP defendía unha redistribución de fondos mediante altas e baixas no orzamento por un importe aproximado de 2 millóns de euros. A maior parte desta cantidade, 1,7 millóns, correspondía a investimentos nas parroquias que se realizarían con cargo a partidas de publicidade e propaganda, gastos de protocolo e asistencias técnicas que desde o grupo da oposición se consideran "superfluos". O PP tamén propuña, entre outras medidas, incrementar as subvencións a entidades, cidadáns e sindicatos, así como a clubes e entidades deportivas, e conservar sete prazas de gardas da Policía Local.

A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, defendeu o orzamento municipal de 2008 cualificándoo de "responsable e equilibrado". Díaz salientou que o documento contempla 40 millóns euros para investimentos "en todos os campos e necesidades", con 10 millóns en humanizacións que dan conta da "importancia dos barrios e parroquias" para o Goberno local. A concelleira resaltou, así mesmo, o "importante incremento nas áreas sociais".

Neste sentido, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, afirmou que "está claro que priorizamos o gasto social". Na súa intervención, Domínguez defendeu a fiabilidade e equilibrio do orzamento, do que dixo, ademais, que "entende cales son as necesidades do cidadán" para darlle resposta mediante "políticas de calidade nos servizos", aumentando os investimentos sen elevar a presión fiscal.

Mocións

Por outra parte, o Pleno debateu unha serie de 11 mocións presentadas polo PP. Entre as que se aprobaron, figuran a que insta o Goberno local a presentar un novo Plan de Emprego para o período 2008-2011, consensuado cos grupos municipais e cos axentes económicos e sociais, e a que establece a implantación dun sistema integral de cardioprotección nos centros deportivos que dependen do Concello, así como no IFEVI e no MARCO.

Outras propostas do PP aprobadas polo Pleno son as de instar a Xunta de Galicia a que reclame de xeito oficial para 2008 un Xulgado do Mercantil con sede efectiva en Vigo e a que demanda do Goberno municipal o cambio das direccións de tráfico das rúas Pereiras, Lourido, Cerqueiro e Bravo, na parroquia de Navia.
1198165423pleno201207.jpg
1198165432pleno201207diaz.jpg
Descargar todas as imaxes