Escoitar

O Concello promove unha campaña de emprego de xogos e xoguetes non sexistas

"Loitar para evitar que se transmitan os estereotipos sexistas nos nenos e nenas da cidade" é un dos obxectivos da campaña sobre o emprego dos xoguetes e xogos non sexistas presentada este venres pola concelleira de Igualdade e Xuventude, Iolanda Veloso. Esta iniciativa, que segundo a concelleira podería ser desenvolvida en calquera outra época do ano "porque os nenos e as nenas xogan todos os días", conta co apoio das principais xogueterías e grandes superficies que venden xoguetes da cidade.

venres, 21 dec 2007
1198245340xoguetes211207.jpg
"Os xoguetes son unha ferramenta educativa fundamenal, porque a través deles os nenos e nenas se socializan, e hoxe en día seguen a transmitir estereotipos sexistas aos nosos fillos e fillas", sinalou a concelleira, quen explicou que a idades moi temperás, os nenos e as nenas xogan indistintamente con diversos tipos de xoguetes, pero que pouco tempo despois uns e outras desbotan algúns por considerarlos do outro sexo, "perdendo cada un deles e delas a oportunidade de aprender novas capacidades que favorezan a convivencia entre sexos e os enriquezan como persoas".

A campaña inclúe a edición de 20.000 dípticos informativos que xa se comzaron a distribuír nas xogueterías e grandes superficies comerciais da cidade, como as instalacións de Alcampo e Carrefour, os centros comerciais Praza Elíptica, Camelias, Travesía e Gran Vía, Toys R Us, El Corte Inglés e as xogueterías Centroxogos, Juguetos, Imaginarium e Tangram.

Nos dípticos indícanse as características que debe reunir un xoguete para que non sexa sexista: gustar a nenos e nenas indistintamente, espertar a imaxinación e a creatividade, non propiciar a violencia, incentivar a curiosidade, ser polivalente, desenvolver a afectividade, garantir a seguridade e potenciar o xogo en grupo; pero tamén inclúen un espazo para que os nenos e as nenas debuxen os seus xoguetes favoritos, "de xeito que os pais e nais poderán comprobar a reprodución do sexismo nas representacións que fagan os nenos e as nenas", asegurou a concelleira.

Ademais, uns zancudos percorrerán as rúas da cidade distribuíndo os dípticos. Así, o 21 de decembro estarán no Concello, Camelias, a praza da Independencia e a praza América entre as 18.00 e a 19.30 horas. O sábado, 22 de decembro, percorrerán a zona peonil do Calvario de 12.00 a 13.30 horas e a rúa Príncipe, a Porta do Sol e a praza da Constitución de 18.00 a 20.15 horas. O venres, 28 de decembro, o percorrido será dende o Concello ata a praza de Independencia entre as 12.00 e as 13.30 horas, e o porto, Montero Ríos e a praza de Compostela de 18.00 a 19.30 horas. O seguinte venres, 4 de xaneiro, visitarán a avenida de Castelao, desde o Alcampo ata o pavillón de Coia de 12.00 a 13.30 horas, e a rúa Principe, a Porta do Sol, e a praza da Constitución de 18.00 a 20.15 horas. Así mesmo, a imaxe da campaña circulará estes días nas traseiras dos autobuses de Vitrasa.

Con esta campaña, a Concellería de Igualdade quere continuar a tarefa de "sensibilizar e informar a sociedade de cara á consecución de valores que promovan a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, co obxectivo de conseguir unha sociedade máis xusta", sinalou Iolanda Veloso, quen na presentación estivo acompañada pola vicepresidenta do Consello Municipal da Muller, Elena Rodríguez. Na súa intervención, Elena Rodríguez fixo referencia ao comunicado emitido por este consello, no cal reflexiona sobre o papel que desempeña a muller nestas datas e lembra que estas festas precisamente se caracterizan polo aumento da violencia sobre a muller, de xeito que "estas noites de paz pódense converter en noites de tortura e violencia".
Descargar todas as imaxes