Escoitar

A escalinata do MARCO acollerá a partir do domingo o ciclo de concertos de panxoliñas a cargo das corais polifónicas

A escalinata do MARCO será, se non chove, o escenario no que o domingo, 23 de decembro, comezará o ciclo de concertos de panxoliñas, no que as corais polifónicas serán as protagonistas. Esta actuación, que terá lugar ás 19.00 horas, correrá a cargo do Coro do Centro Social de Rivera Atienza.

venres, 21 dec 2007
Esta coral fundouse no ano 1992 a iniciativa da directora do Centro Social que lle dá nome, Carmen Arbilla. O 24 de xullo de 1994 tivo lugar a súa presentación ao público no Auditorio do Concello de Vigo, e foi apadriñada pola Coral da SCD Helios de Bembrive. Está composta por 40 voces mixtas e dirixida dende a súa fundación polo mestre e compositor Julio César Mariñas Iglesias. O seu repertorio é moi variado, xa que inclúe obras de compositores consagrados da música clásica, popular, sacra, coros de óperas e zarzuelas, panxoliñas, ou habaneras.

Nesta ocasión, interpretarán os temas "Oh luz de Deus", unha panxoliña popular de Alemaña; "Mariñeiro", de Roxelio Groba; "Nanta nana", unha panxoliña popular de Andalucía; "Gloria ao Neno", de F. Mendelshonn; "Durmía o Ruliño", de A. Vito; "Adeste Fideles"; e a panxoliña popular "Os nenos de Holanda".

A seguinte actuación deste ciclo será o mércores 26, a cargo da Coral Polifónica Santiago Apóstol, que interpretará "Gloria ao Señor", de G. F. Haëndel; "Vinde nenos e rapaces", unha panxoliña popular; "Paxariños", panxoliña popular galega; "Soan as campás", de Xosé A. Cantal; "Audite silete", de M. Praetorius; "Dormi dormi"; "Santa notte", unha panxoliña popular de Italia; "Canto do Nadal", de M. Praetorius; "Nunca soan as campás", de F. Zabala; "Non a debemos durmir"; "Noite de paz", de F. Grüber; "Chegou a hora máis alta", de M. Faria; e "Adeste fideles".

As actuacións da Lira de San Miguel de Oia, o día 27; a UVCD de Candeán, o 28; a AACC Agarimo, o 29; e a AVV Emilio Crespo de Navia, o 30, completarán o ciclo, que se desenvolverá no salón de actos do MARCO en caso de choiva.