Escoitar

O Auditorio Municipal acollerá este domingo o espectáculo "Nadal Máxico ’07"

O Auditorio Municipal acollerá este domingo 16 de decembro, a partir das 18.00 horas, o espectáculo de maxia "Nadal Máxico ’07", que forma parte do II Circuíto Galego de Maxia da Consellería de Cultura. Actuarán o mago Antón, o mago Marttyn, Cayetano Lledó, o mago Romarís e o mago Vituco.

mércores, 12 dec 2007
1197474623maxia121207.jpg
En palabras do concelleiro de Cultura, Xesús López, trátase dun espectáculo "dirixido a todos os nenos e nenas" pero "tamén a todos aqueles que seguimos sendo nenos por dentro". Ademais, haberá maxia para todos os gustos, desde escapismo ata mentalismo, pasando pola maxia xeral e a maxia de comunicación.

"Nadal Máxico ’07" forma parte dos eventos da programación de Nadal destinados ao público familiar. O prezo das entradas é de 2 euros para adultos e de 1 euro para nenos e nenas ata os 12 anos. A taquilla do Auditorio abrirá o mesmo domingo ás 17.00 horas.

O concelleiro explicou que o Concello traballa xa para organizar unha programación estable de espectáculos de maxia en Vigo para todo 2008. Neste sentido, o mago Antón referiuse durante a presentación de "Nadal Máxico ’07" este mércores que entre as necesidades dos magos galegos están a da súa profesionalización e a súa equiparación cos restantes artistas escénicos, xa que "somos creadores de ilusións pero non vivimos delas".

Segundo o mago Antón, isto conséguese mediante iniciativas como a creación, o ano pasado, dun circuíto específico de actuacións de maxia, sobre todo para público familiar, que levou un total de 20 magos a percorrer 40 concellos de Galicia. Na edición deste ano, son 50 os concellos e 30 os magos.

Descargar todas as imaxes