Escoitar

O alcalde quere converter os Vigueses Distinguidos en órgano de asesoramento do Goberno local

O alcalde, Abel Caballero, quere converter os Vigueses Distinguidos en "órgano permamente de asesoramento" do Goberno local. Así llo transmitiu á directiva deste colectivo no encontro que mantiveron este mércores no Concello. Segundo explicou Caballero, a directiva aceptou a súa proposta porque aos seus membros lles pareceu "gratificante".

mércores, 12 dec 2007
1197472304distinguidos121207.jpg
Reunión coa directiva de Vigueses Distinguidos
Para o alcalde, os Vigueses Distinguidos, que o son "pola súa capacidade de pensar, de traballar e de construír", poden ofrecer á dirección do Concello "unha opinión moi cualificada e seguramente moi representativa" do que é o sentir da cidade, grazas ao seu "coñecemento de diferentes sectores".

Ademais, na reunión deste mércores no Concello o alcalde aceptou a petición da directiva de Vigueses Distinguidos de dotar o colectivo dun local situado nunha zona céntrica para poder desenvolver as súas actividades.

Salón do Automóbil

Por outra parte, Abel Caballero tamén se reuniu este mércores co Comité Executivo do Salón do Automóbil, certame que celebrará a súa 17ª edición do 26 de abril ao 4 de maio de 2008 en Vigo. O alcalde mostrou a súa vontade de "colaborar o máximo posible" coa organización da feira para evitar as dificultades de aparcamento e de acceso do tráfico rexistradas o ano pasado no IFEVI e nos seus arredores.

Caballero asegurou que o Concello se vai "involucrar en todo o que necesiten" os organizadores deste evento, e para iso xa lles pediu que lle fagan chegar un listado coas súas demandas de cooperación e unha relación de "persoas que queren que asistan" ao Salón "para darlle realce en Galicia e en España".
1197472304distinguidos121207.jpg
1197472330automobil121207.jpg
Descargar todas as imaxes