Escoitar

O IFEVI recibirá 3,5 millóns da Consellería de Industria para sanear débedas e adquirir bancadas

A Consellería de Innovación e Industria ampliará a súa achega ao Instituto Feiral de Vigo en 3,5 millóns de euros, segundo anunciou este mércores o conselleiro, Fernando Blanco, ao remate da reunión do Padroado do IFEVI na que se aprobou ese acordo. O novo investimento da Xunta permitirá facer fronte á adquisición das bancadas retráctiles coas que está previsto dotar ao recinto e sanear a débeda de 2,4 millóns de euros contraída tras a súa última ampliación.

mércores, 12 dec 2007
1197466920ifevipadroado121207.jpg
O tenente de alcalde e presidente do Comité Executivo, Santiago Domínguez, salientou que a Consellería de Industira reafirma así o seu compromiso co IFEVI e afirmou que o feito de poder pagar as débedas pendentes pemitirá afrontar a posta en marcha dos proxectos de novas infraestruturas. Domínguez precisou que existe o compromiso de que co inicio do ano se inicien os estudos para definir as necesidades do recinto feiral, co obxectivo de que antes de que remate o 2008 se poida licitar algún dos proxectos de infraestruturas que sexa preciso acometer.

Polo que respecta ás bancadas retráctiles, o Padroado aprobou as condicións técnicas e administrativas para sacar a concurso o contrato de subministro e instalación. Está previsto que con esta actuación se dispoña dun total de 6.500 asentos, que se colacarán en función das necesidades do recinto. O conselleiro de Innovación e Industria salientou que con esta iniciaitiva se quere diversificar as posibilidades de organización de eventos para incrementar a actividade do IFEVI.

Fernando Blanco referiuse tamén á celebración do Salón Náutico e adiantou que ten previsto falar cos empresarios que pretenden trasladarse a Silleda para coñecer cal é a súa posición e tratar de reconducir a situación. "Trasmitireille que o noso obxectivo é que se celebre aquí e que eles participen", explicou.

O conselleiro adiantou que agarda que o certame continúe celebrándose no recinto feiral de Vigo como en anos anteriores. "O meu desexo é que haxa unha feira na que participe todo o mundo e facer que o Salón Náutico sexa un certame estable e en continuo crecemento", asegurou.
Descargar todas as imaxes