Escoitar

Caballero reúnese cos representantes do Desafío Atlántico para preparar a saída da regata desde Vigo

O alcalde, Abel Caballero, reuniuse este martes cos responsables británicos do Desafío Atlántico de Grandes Veleiros e co representante desta regata anteriormente coñecida como Cutty Sark, Alberto Durán, para preparar a saída desta proba desde o Porto de Vigo, que terá lugar o 3 de maio de 2009.

martes, 11 dec 2007
1197381149desafioatlantico111207.jpg
Os responsables británicos do Atlantic Challenge, que realizan desde onte luns a súa primeira visita oficial a Vigo despois do nomeamento da cidade como punto de saída da regata, manifestaron o seu "entusiasmo polas condicións da ría e do Porto" para acoller este evento, segundo asegurou Caballero.

Así, o alcalde salientou a boa impresión causada nos representantes da proba polas "condicións de navegabilidade" da ría e as "francamente notables" posibilidades de atraque que ofrece a Estación Marítima.

Outro dos temas tratados na reunión foi o das necesidades de espazo para as embarcacións pequenas que se reunirán na ría co gallo da saída do Desafío Atlántico. Neste sentido, Abel Caballero afirmou que nas dársenas 2 e da Laxe "haberá sitio para todos os barcos". O alcalde adiantou que a tal fin "haberá que encargar pantaláns" e que esta é unha das cuestións que están comezando a ser discutidas no marco das reunións do Comité Técnico organizador da saída.

Os veleiros do Desafío Atlántico estarán en Vigo do 30 de abril ao 3 de maio de 2009, "datas moi próximas", segundo lembrou Abel Caballero, á celebración do bicentenario da cidade. Ademais, durante eses cinco días espérase a chegada a Vigo de cerca de un millón de persoas para asistir á saída da regata. Por outra parte, o ano 2009 haberá aniversarios similares nas Illas Bermudas e no porto canadense de Halifax, por onde tamén pasará o Atlantic Challenge. O alcalde adiantou que, por estes motivos, iniciará contactos cos representantes de todos os portos que acollerán a proba de cara á organización dunha "celebración conxunta" en Vigo nas datas da saída desde Vigo. Esta celebración enmarcaríase nos actos do bicentenario, segundo sinalou Caballero.

Así mesmo, o alcalde anunciou que falará co ministro de Defensa, José Antonio Alonso, para conseguir que a saída da regata conte con "algún buque" adicional da Armada "para darlle máis realce" ao evento, á parte dos que escoltarán os veleiros desde Vigo ata Tenerife.

Despois da súa saída de Vigo o 3 de maio de 2009, o Desafío Atlántico pasará por Tenerife (do 14 ao 17 de maio), as Illas Bermudas (do 12 ao 15 de xuño), Halifax (do 16 ao 19 de xullo) e, finalmente, Belfast, en Irlanda do Norte (do 13 ao 16 de agosto).
Descargar todas as imaxes