Escoitar

O Concello realizará unha campaña para apoiar o comercio durante o Nadal

O Concello vai pór en marcha este Nadal unha campaña publicitaria para apoiar o comercio vigués, baixo o lema "Este Nadal os que máis saben mercan no comercio de Vigo. Elixe comercio de Vigo, acertarás". En total, colocaranse 50 mupis, repartiranse máis de 2.000 carteis e máis de 1 millón de etiquetas para pegar e emitiranse unhas 160 cuñas radiofónicas e uns 150 anuncios televisivos que serán difundidos por dúas canles locais.

martes, 11 dec 2007
1197386342comercio111207.jpg
Ademais, o Concello vai repartir máis de 30.000 folletos nos que figurará a programación de Nadal dos comercios e mercados de Vigo. O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santiago Domínguez, asegurou este martes durante a presentación da campaña que "se hai algo no que nos imos ver absolutamente involucrados é na defensa do pequeno e do mediano comercio".

Esta campaña complementará a programación de Nadal do Concello, que ten entre os seus obxectivos precisamente a animación das rúas comerciais.

Para Santiago Domínguez, a campaña presentada este martes "ten que marcar o inicio dunha colaboración directa co pequeno e mediano comercio vigués". Esta colaboración plasmarase, segundo anunciou o tenente de alcalde, nas partidas destinadas nos orzamentos de 2008 aos mercados municipais e á rehabilitación de rúas comerciais, e será continuada nos próximos meses con "campañas específicas" de rebaixas e de primavera.

Asistiron á presentación desta iniciativa, ademais de Santiago Domínguez, a presidenta da Federación de Comercio de Vigo, Encarna Álvarez; Itos Domínguez, do Centro Comercial Aberto "Vigo Vello"; José Luis Álvarez, da Área de Comercio Zona Centro, e Enrique Núñez, de Centro Príncipe.
Descargar todas as imaxes