Escoitar

Abel Caballero congratúlase polo arquivo do expediente sancionador contra a ría

O alcalde, Abel Caballero, sinalou este mércores a "rigorosidade coa que se traballou" desde o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Goberno de España como base do arquivo, por parte da Unión Europea, do expediente de sanción por contaminación que pesaba sobre a ría.

mércores, 12 dec 2007
1197469201riadevigo121207.jpg
Caballero congratulouse pola decisión da UE, xa que "non é fácil de conseguir". Neste sentido, o alcalde lembrou que outros países o teñen intentado e "están pagando cuantiosas multas", polo que "debemos recoñecer o magnífico traballo que fixo a Consellería de Medio Ambiente nos últimos meses". Caballero alertara en anteriores ocasións sobre o efecto negativo que tería esa sanción sobre a imaxe de Vigo e da súa ría e especialmente sobre o sector pesqueiro local.

Segundo o alcalde, tres foron as razóns que levaron a Unión Europea a arquivar o expediente sancionador. En primeiro lugar, o rigor do traballo conxunto do Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Goberno central para evitar a multa. En segundo lugar, a elaboración dun "proxecto sólido" para o saneamento da ría e, finalmente, a "credibilidade" que ante as autoridades comunitarias adquiriu este proxecto grazas ás "importantísimas cantidades orzamentarias" que lle foron asignadas polo Goberno central.

Abel Caballero recordou que xa está redactado o anteproxecto da nova depuradora, como paso previo para licitar a elaboración do proxecto en 2008.
Descargar todas as imaxes