Escoitar

O Concello de Vigo e a Sociedade Pública de Aluguer asinan un convenio de colaboración

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Sociedade Pública de Aluguer (SPA), Alejandro Inurrieta, asinaron onte martes, en presenza da ministra de Vivenda, Carme Chacón, un convenio que ten como obxectivo prioritario dinamizar e desenvolver o mercado de aluguer en toda a provincia de Pontevedra, ofrecendo as garantías de calidade e transparencia da SPA.

mércores, 12 dec 2007
1197465608carmechacon111207.JPG
Para iso, a SPA ofrécese ao Concello de Vigo para xestionar o parque público de vivenda. O Concello, pola súa parte, comprométese á captación de vivendas desocupadas susceptibles de ser arrendadas como vivenda habitual, ofrecéndollas a aqueles cidadáns que demanden unha vivenda en aluguer.

Así mesmo, a corporación de Vigo comprométese a difundir as axudas públicas existentes, tanto para os arrendadores como para os arrendatarios. Entre estas axudas destaca o selo "Aluguer Seguro", presentado o pasado 29 de novembro pola ministra de Vivenda, Carme Chacón. Este produto está dirixido a todos aqueles propietarios que queiran contratar os seguros das súas vivendas (de danos, de falta de pagamento e de asistencia xurídica) a través da SPA, cun aforro de asta un 50% respecto aos prezos de mercado e mellores condicións.

O convenio, cunha duración de catro anos, forma parte da política do Goberno central de impulsar o mercado de aluguer, que ten como obxectivo o panorama da vivenda en España, onde apenas un 11% do parque de vivendas é de aluguer, a parámetros doutros países europeos, onde o promedio está entre un 30 e un 40%.

O alcalde, Abel Caballero, sinalou na súa intervención que "hai un sector moi importante que demanda vivenda en aluguer e, ata o de agora, non encontraba a fórmula". Por iso, mostrouse convencido do éxito do convenio no obxectivo de dinamizar o mercado do aluguer. Caballero indicou así mesmo que Vigo, cun 43% de vivenda protexida, está facendo unha aposta firme por garantir o acceso dos cidadáns a unha vivenda digna.

Pola súa parte, Alejandro Inurrieta manifestou que ata o de agora 1.326 propietarios de Galicia introduciron a súa vivenda no programa SPAVIV. Desas vivendas, 689 foron avaliadas e 181 xa están arrendadas. A SPA ten ademais outras 60 vivendas dispostas para ser alugadas, mentres que 76 están en fase de avaliación ou negociación co propietario. A renda media das vivendas alugadas é de 447 euros por mes e a súa superficie media é de 76,1 metros cadrados.
Descargar todas as imaxes