Escoitar

Festa do fútbol 7 nos campos de herba sintética

Trinta e seis equipos compostos por 432 nenos e nenas participarán no Torneo de Fútbol 7 Prebenxamín Concello-Deputación, organizado por estas dúas institucións e que terá lugar de mañá sábado ao próximo martes 1 de maio nos novos campos de herba sintética de Santa Mariña, Valadares, Castrelos, Sárdoma e Candeán.

venres, 27 abr 2007
1177676680futbolsete270407.jpg
Durante as catro xornadas os cativos, con idades que van dos 5 aos 8 anos, formarán parte dunha experiencia participativa, coa que se trata, segundo afirmou o portavoz do Goberno municipal e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa, de que os nenos e as nenas "se decaten da importancia que ten o deporte" para a súa formación.

Atendendo a este carácter participativo e formativo, o sistema de competición do Torneo foi deseñado para que os 32 equipos, pertencentes ás Escolas Municipais de Fútbol, xoguen o mesmo número de partidos.

Así, os equipos están encadrados en oito grupos de catro, que desputarán unha primeira fase de tres xornadas que ocupará a mañá e a tarde do sábado e a mañá do domingo. Seguindo as clasificacións desta primeira fase, os mesmos 32 equipos serán reunidos en catro grupos de oito para desputaren a segunda fase o luns pola tarde. O Torneo finalizará o martes pola mañá cunha terceira fase que terá lugar en Candeán. Nesta última fase do Torneo volveranse enfrontar os 32 equipos en emparellamentos cos que se decidirán todos os postos da clasificación final.

O partido final polo primeiro posto comezará ás 13.35 horas do martes. Tanto este como os restantes encontros constarán de dous tempos de 15 minutos cada un e 5 minutos de descanso, sen que os equipos abandonen o campo.

A organización obsequiará a todos os nenos e nenas participantes cun chándal. Ademais, durante o torneo sortearanse catro viaxes a Eurodisney para os/as nenos/as e os seus pais.

Coa celebración deste Torneo, o Concello e a Deputación queren tamén que "a cidade coñeza os traballos que se teñen feito para remodelar os campos de fútbol", segundo indicou José Manuel Figueroa. Actualmente, estanse a levar a cabo en Vigo no marco da colaboración coa Deputación as obras para dotar de herba sintética os campos de Teis, A Bouza e O Meixoeiro.
Descargar todas as imaxes