Escoitar

Pintado de vacas da Cow Parade no Verbum

Para conmemorar a exposición da Cow Parade na cidade de Vigo, o museo Verbum – Casa das Palabras faise partícipe e desenvolve diversas actividades relacionadas con este evento.

venres, 13 abr 2007
1176467237pintadovaca043.jpg
Vaca Catuxa
Deixa a túa man na vaca do Verbum"

O museo Verbum – Casa das Palabras invita a todas as persoas que o desexen a que deixen a pegada da súa man pintada na vaca Catuxa que sairá á rúa proximamente. As persoas que queiran participarán poderán pasar polo Verbum de martes a domingo de 10 a 19 horas, ata o 21 de abril.

Pintado con técnica graffiti

O Verbum abre unha convocatoria para decorar a vaca Blanquita que se vai expoñer na cidade de Vigo con motivo da Cow Parade.

A técnica para decorar a vaca será a do graffiti. As imaxes empregadas serán símbolos ou signos de motivo libre pero sen ningún tipo de contido sexual, político ou relixioso.

Para poder participar hai que presentar o deseño do símbolo escollido nun tamaño mínimo dun A5 e máximo dun A4. De entre todos os deseños recibidos o Verbum fará unha selección e os elixidos poderán plasmar o seu deseño nunha parte de Blanquita.

O prazo de presentación de modelos comeza hoxe venres 13 de abril e rematará o xoves 19. A entrega farase en horario de museo: de 10 a 19 horas. O día 20 comunicarase a listaxe dos seleccionados e o pintado levarase a cabo o sábado 21 de abril nas instalacións do Museo a partir das 17 horas.

As solicitudes enviaranse por correo ou se entregarán nun sobre pechado cos deseños, datos persoais (nome, apelidos, idade e enderezo e teléfono de contacto) no Verbum, Avda. Samil, 17 36212 Vigo
Tfno. 986 240 130

Obradoiros

Estes tres domingos de abril comezaremos a decoración dunha das vacas que formarán parte da exposición da Cow Parade na cidade, Cordera, que descansa neste museo. As actividades están orientadas a nenos/as a partir de 5 anos, animando tamén aos pais a que participen cos seus cativos na realización dos mesmos.
DATAS: 15, 22, 29 de abril de 2007
HORARIO: de 12.00 a 13.30 horas
LUGAR: VERBUM - CASA DAS PALABRAS
PARA NENOS/AS E FAMILIAS
PREZO: 1€ POR ASISTENTE
Descargar todas as imaxes