Escoitar

Cristina Fernández leva á Casa Galega da Cultura a súa mostra "Paisaxes"

A Casa Galega da Cultura alberga, desde este venres ata o da próxima semana, a mostra de pintura "Paisaxes", coa que Cristina Fernández continúa a liña inciada coa exposición "Landscapes", que se puido visitar hai un ano en Santiago de Compostela.

venres, 13 abr 2007
1176453270despoisdeescocia130407.jpg
Despois de Escocia
A pintura de Cristina Fernández mostra concreción e precisión na parte superior do lenzo de obras como "Escocia" e "Bosque Galego", e a medida que o ollo descende os cadros van perdendo estas características. A materia descomponse así como as pinceladas para concluír en espazos cargados de cor ou liñas que dotan a imaxe dun sentido máis conceptual, onde o natural e o artificial conviven.

En "Despois de Escocia" as liñas son protagonistas indiscutibles facendo que a propia paisaxe se convirta en fondo. Son estas liñas as que equilibran o conxunto e lle dan á imaxe forza expresiva e dinamismo compositivo.

Na serie "Paisaxes" varía substancialmente o punto de vista. A liña horizontal baixa ata facerse case imperceptible e dá lugar a enormes ceos que ocupan case toda a extensión do soporte. Liñas escapadas dalgún plano, dalgún trazado, dalgunha construción, elásticas e firmes, paralelas, solitarias, xeran un xogo estético, deixan de formar parte dun contorno para funcionar por elas mesmas e dotar a obra dun dobre sentido no que a natureza e a man do home contrastan e conviven técnica e conceptualmente.

"Paisaxes" inaugúrase na Casa Galega da Cultura hoxe venres ás 20.00 horas, nun acto ao que asistirá o concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves. A mostra será clausurada o venres 20 de abril e ata entón poderá visitarse nos seguintes horarios: de luns a venres, de 18.00 a 21.30 horas; os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.30 horas; e os domingos e festivos, de 11.00 a 14.00 horas.
Descargar todas as imaxes

Máis información