Escoitar

O programa de Xuventude continúa con "Tardes e Noites Vivas", teatro improvisado e música

Esta fin de semana, os mozos e mozas de Vigo teñen unha nova cita coa diversión e o entretemento no programa de ocio da Concellería de Xuventude, que inclúe as "Tardes e Noites Vivas", a Liga de Improvisación teatral e a música en directo de Musicalia. As actividades que se poderán realizar nesta ocasión son as que se mencionan a seguir.

xoves, 26 out 2006
1161869518noitesvivas.jpg
Venres

- Poñerse en forma ao ritmo da batuka, practicar capoeira, botar unha pachanga ao aire libre cos amigos/as, facer carteiras de coiro ou xogar unha partida aos xogos de mesa no pavillón deportivo do Instituto do Castro (R/ J.G.Posada Curros,1 Entrada lateral, fronte á pista deportiva).
- Para os/as afeccionados/as aos xogos de rol, partidas abertas na Asociación Xuvenil Cancerbero (R/ Heraclio Botana, 6 – Baixo Esquerda).
- Moverse coa danza do ventre, elaborar algúns pratos suculentos na cociña para principiantes, aprender a dar unhas masaxes de reflexoterapia, practicar musculación ou, simplemente, contemplar un partido de baloncesto dos de "Vigo en xogo". Todo isto no Pavillón Municipal de Deportes do Berbés (entrada pola rúa Jacinto Benavente, 1).
- O Espazo Xove do Castro (no Monte do Castro, ao carón da pista de bicicletas) dedicarase sobre todo a actividades artísticas con iniciación ao teatro e danza oriental, e a actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, coma unha liga de xogos en rede, curso de iniciación ao vídeo, acceso gratuíto a internet, chat, messenger e dardos electrónicos.
- No pavillón municipal de deportes de Coia (na Avda. Castelao) realizaranse actividades deportivas, partida de dardos e iniciación a capoeira.
- Na Asociación Xuvenil Abertal (R/ Venezuela, 3 – Baixo) realizaranse sobre todo obradoiros como o de candeas aromáticas, o de instrumentos musicais africanos, o de pulseiras, o de pendentes e o de coiro. Tamén haberá acceso a internet gratuíto e unha sala para quedar cos amigos e amigas.

Sábado

- No pavillón deportivo do Instituto do Castro (R/ J.G.Posada Curros, 1, entrada lateral, fronte á pista deportiva) poderase bailar ao son dos ritmos brasileiros, xogar unha pachanga nocturna ao aire libre, facer carteiras de coiro ou entreterse con xogos de mesa.
- O pavillón municipal de deportes do Berbés (entrada pola rúa Jacinto Benavente, 1) volta con outro obradoiro de cociña, pero esta vez de postres tradicionais. Tamén haberá bailes, neste caso latinos, e un obradoiro de coiro. Os que gustan dos deportes poden pasar á acción practicando musculación ou ver dous encontros de baloncesto de "Vigo en xogo".
- Para os amantes das novas tecnoloxías, o Espazo Xove do Castro (no Monte do Castro, ao carón da pista de bicicletas) ofrecerá, ademais de internet, chat e messenger, dúas actividades novidosas: relato colectivo en linguaxe SMS e facendo Wikipedia.Tamén se poderá practicar break dance, xogar aos dardos electrónicos ou demostrar dotes de cantante co karaoke.
- A Asociación Xuvenil Abertal (R/ Venezuela, 3 – Baixo) celebrará un campionato de Play Station e unha pachanga de futbito. Tamén porá a disposición dos asistentes o material necesario para a realización de obradoiros de pulseiras de fío, pendentes, coiro e carteiras de cómic. A sala multiusos estará aberta para quedar cos compañeiros e compañeiras e, se apetece, botar unha partidiña ao futbolín, ping-pong ou a xogos de mesa.

Cada unha destas actividades ten un horario determinado dentro do intervalo que vai dende as 17:00 ata as 01:30 horas.

Para máis información: Casa da Xuventude (López Mora, 31) Tfno. 986 294 806 ou na web www. xuventudevigo.org.
Descargar todas as imaxes