Escoitar

O son como vehículo da corporeidade no MARCO

O MARCO propón un achegamento á dimensión física do espazo, a través dunha selección de obras nas que o son é manipulado como se dun material dúctil se tratase para se converter en vehículo da corporeidade. Os interesados poden experimentar en carne propia visitando "A Mostra Invisible" ata o próximo 21 de xaneiro.

mércores, 25 out 2006
1161777173mostinvjanetcardiff.jpg
Janet Cardiff: The Forty Part Motet. A re-working of Spem in Alium Nunquam habui 1575, by Thomas Tallis, 2001. Foto: Enrique Touriño
"A Mostra Invisible" reúne nas salas de exposición da planta baixa do MARCO un conxunto de obras de artistas clásicos contemporáneos que nos convidan a reflexionar sobre o espazo a partir dun compoñente non visible como o son. A fascinación da arte do século XX cara ao non-visual atopou no campo do son un terreo axeitado para o seu desenvolvemento, e é frecuente o uso do son ou da voz humana como estratexia de apoio para conceptualizar o espazo. O son convídanos a situar o corpo nese lugar no que se cruzan, de modo performativo, as accións do espectador e do artista.

Con motivo desta exposición, o MARCO de Vigo e o Centro José Guerrero de Granada editan un catálogo que reúne unha serie de ensaios sobre a natureza do son no contexto artístico. Os textos de Douglas Khan, José Iges, Olivier Razac, Guy Rosolato, Christophe Kihm e John Cage, cuidadosamente recuperados grazas á xenerosidade dos autores e editores, permiten conformar unha pequena historia do encontro entre o son e a súa experiencia física no contorno artístico. O catálogo inclúe un CD con fragmentos das pezas en exposición, moitas delas dispoñibles por primeira vez para o público.

"A Mostra Invisible" pode visitarse de martes a sábados (festivos incluídos), en horario de 11:00 a 21:00 horas, e os domingos, de 11:00 a 15:00 horas.

Obradorio

Como actividade complementaria a esta exposición, o MARCO acollerá do 9 ao 15 de novembro o obradoiro "Paisaxe sonora de Vigo". Esta actividade está incluída na xira do proxecto Escoitar.org (www.escoitar.org) por varias cidades de Galicia. Os seus destinatarios son os artistas, músicos, técnicos de son, programadores informáticos e, en xeral, persoas interesadas en aprender a escoitar e desenvolver proxectos de creación sonora ou sonorización de obra plástica. Non se requiren coñecementos previos nestes campos.

O prazo de inscrición acaba o 3 de novembro e o prezo é de 60 euros para interesados en xeral e de 40 para estudantes e Amigos MARCO, previa acreditación.
Descargar todas as imaxes