Escoitar

O tratamento de drogodependencias contará con 179.000 euros adicionais en 2006

Os programas e servizos municipais de tratamento de drogodependencias que se desenvolvan en 2006 contarán cunha achega adicional de 179.000 euros por parte da Xunta de Galicia. A Xunta de Goberno Local deuse por informada do acordo asinado pola alcaldesa de Vigo e a conselleira de Sanidade no que se establece a mencionada cantidade.

martes, 24 out 2006
1161695156cedro.jpg
Interior de CEDRO
Esta decisión, adoptada pola Xunta de Goberno na súa reunión de onte luns, é o paso previo ao ingreso da subvención de 179.000 euros por parte da administración autonómica, que se vén sumar aos 350.000 establecidos nun acordo autorizado pola Xunta de Galicia en xaneiro, polo que se prorroga o convenio de cooperación entre o Concello e a Consellería vixente en 2005. A nova achega da administración autonómica figura nunha addenda do pasado 1 de setembro ao mencionado acordo de prórroga.

En total, a Unidade Asistencial de Drogodependencias CEDRO, entidade xestionada polo Concello de Vigo, recibirá algo máis de 529.000 euros da Consellaría de Sanidade para o desenvolvemento das súas actividades durante este ano.

En virtude dos compromisos alcanzados entre o Concello e a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias do SERGAS, CEDRO deberá dar continuidade aos programas e servizos conveniados en 2005, e terá que implantar, ademais, novas actividades. Así mesmo, a Unidade Asistencial de Drogodependencias verá incrementado o seu cadro de persoal coa contratación dun médico e a consolidación da contratación dun ATS/DUE.
Descargar todas as imaxes